Friday 22 de November de 2024

Os socialistas reclamarán desde o pleno municipal un plan de actuación á Xunta ante emerxencias como a da ‘marea plástica’


Censuran a actuación de Alfonso Rueda coa chegada masiva de pellets ás costas galegas e a “desinformación” provocando inseguridade na sociedade galega

Sobre a mobilidade no CHUS, Gonzalo Muíños cuestiona que a Xunta non actuase con planificación: “sabía desde o minuto un que tiña que mellorar o transporte para os seus traballadores e habilitar aparcadoiros provisionais”.

O PSdeG presentará en todos os concellos galegos unha iniciativa plenaria censurando a actuación do goberno galego na xestión da crise da ‘marea plástica’ e solicitando un plan de actuación ante futuras eventualidades. O secretario xeral dos socialistas en Santiago, Aitor Bouza, denuncia que a Xunta do PP “mentiu á cidadanía galega” e “non lle deu información aos concellos afectados nin os medios técnicos e humanos necesarios”.

“Nós non culpamos responsabilizamos ao PP da catástrofe da marea plástica, senón da súa inacción e das súas mentiras á cidadanía galega” criticou Bouza que insta ademais á administración autonómica a facilitar “información inmediata a todos os concellos afectados e a dotalos dos medios persoais e humanos necesarios”.

Precisamente esta fin de semana hai convocada unha mobilización en Santiago en protesta pola xestión do executivo de Alfonso Rueda da crise dos pellets. Unha manifestación na que xa anticipan a súa participación desde o PSdeG. O seu portavoz en Raxoi, Gonzalo Muíños puxo énfase na “desinformación” das consecuencias reais da marea plástica, polo que reclama “transparencia” ante a “inseguridade e inquedanza” da cidadanía á hora de consumir produtos do mar.

A moción que se debaterá no pleno do mes de xaneiro, os socialistas pedirán que se elabore material informativo a disposición de confrarías, asociacións, mercados e peixarías para evitar calquera dúbida nos consumidores e consumidoras. Tamén reclaman a creación dun comité de crise que se poida activar desde o primeiro momento e no que participen os concellos afectados, o goberno galego e central, así como representantes da FEGAMP.

Para atallar a crise informativa derivada da marea plástica, demandan ademais a realización, en colaboración coas Universidades e laboratorios de contrastada experiencia, dos estudos necesarios para aclarar a composición do material vertido así como as posibles afeccións. Afea Muíños que a reunión do comité de expertos que impulsa a Xunta foxe aínda hoxe, “demasiado tarde”.

“Nós seguiremos traballando porque as mentiras estean fóra da política, ao carón da nosa xente do mar” manifestou o secretario xeral dos socialistas, Aitor Bouza, que apelou ademais ao sentido común da cidadanía galega “a xente sabe moi ben a quen vota” en contraste coas “mentiras do Partido Popular”: “vímolo nas eleccións xerais, cando a cidadanía destapou as mentiras de Feijóo, dixo basta xa”.

Sobre a mobilidade no Hospital Clínico: “a Xunta é coñecedora, desde o primeiro día, das melloras que había que facer”

A preguntas dos xornalistas, o portavoz municipal do PSdeG, Gonzalo Muíños amosou a súa preocupación polo actual caos circulatorio na contorna do Hospital Clínico. Recorda Muíños que esta cuestión foi levada a pleno polo Grupo Socialista ata en dúas ocasións instando a tomar medidas a longo, pero tamén a corto prazo, ante o inmediato arranque das obras de ampliación previstas.

Muíños lembra que o propio estudo de mobilidade encargado pola Xunta de Galicia instaba á administración autonómica a habilitar solucións de transporte colectivo para os seus traballadores, así como alertaba da necesidade de mellorar a rotación das prazas actuais: “instamos a mellorar o transporte dos seus traballadores e a habilitar aparcadoiros provisionais unha vez comezaran as obras”.

O portavoz dos socialistas reivindicou ademais o traballo feito desde o Concello aprobando a cesión dunha parcela municipal para a construción dun aparcadoiro “con un coste asumible e un prazo executable a medio prazo”. Ademais, recalca que se a Xunta “quere seguir co seu plan, o aparcadoiro que propón é un servizo supramunicipal e está na súa propia parcela”. Tamén Bouza cuestiona o caos actual de mobilidade e reclámalle ao goberno que “aplique agora os mesmos consellos que nos deron”: “a solución temporal non pode pasar porque se xere un caos para a cidadanía, o que teñen que facer é emprender as medidas necesarias para solucionalo”.