Saturday 16 de November de 2024

O Aquarium Finisterrae acolle a mostra ‘Lixo exquisito’, con pezas formadas con residuos do mar


A exposición abre os actos conmemorativos do 25 aniversario do Aquarium Finisterrae

O Aquarium Finisterrae acolle partir deste venres, 19 de xaneiro, a mostra ‘Lixo exquisito’, unha exposición formada por pezas artísticas realizadas a partir de residuos recollidos do mar. Con este acto o Goberno de Inés Rey abre as actividades de conmemoración do 25 aniversario deste Museo Científico Coruñés. O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, foi o encargado de presentar a exposición.

«Lixo exquisito» é unha mostra que constitúe un referente en arte feita ao cento por cento con residuos mariños e está composta por 14 pezas escultóricas e 4 cadros colaxe creados pola asociación artístico-ambiental RetoqueRetro, da Coruña. Son obras que, a pesar da súa gran beleza artística, encerran unha mensaxe de alerta sobre a contaminación do medio ambiente por materiais que alteran os ecosistemas e teñen importantes prexuízos ecolóxicos e económicos. “Neste momento, coa situación na que se atopan a nosas praias, é máis necesario que nunca concienciar á cidadanía, mais tamén ás Administracións, na necesidade de coidar os nosos espazos mariños”, sinalou Gonzalo Castro lembrando o problema da chegada de pellets ás costas galegas, un asunto sobre o que tamén reflexionaron o resto de participantes no acto.

As esculturas representan algunhas das especies mariñas máis comúns das nosas costas, como un escarapote realizado con cepillos de dentes, restos de xoguetes e paus de batea; unha pescada creada a partir dun pneumático retorcido e a aleta das rodas dun Renault 6; un bonito que ten como parte principal a tapa dun váter; un golfiño confeccionado con dous asentos e a roda dunha bicicleta; unha centola cuxo cacho é un balde dos que se usan nos barcos do palangre; un corvo mariño feito con 513 palliñas; ou un cabaliño de mar construído con 1.000 pinzas de roupa. Todos estes materiais, e todos cos que están construídas o resto das pezas, foron recollidos nas praias de Galicia.

RetoqueRetro, colectivo constituído polo trío de artistas Isabel García, Javier Serantes e Ana Lee, leva desde o ano 2012 percorrendo as praias galegas denunciando a contaminación plástica, investigando a orixe dos residuos e transformando en arte o lixo que trae o mar.