É preceptivo que este órgano consultivo se pronuncie sobre os aspectos urbanísticos destas dúas iniciativas dado que se tramitan como proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese
O pleno da Xunta Consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo vén de aprobar cadanseu informe favorable sobre os proxectos da estación intermodal da Coruña e do Centro de Protonterapia, en Santiago de Compostela.
Segundo lembrou a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, é preceptivo que a Xunta consultiva se pronuncie sobre os aspectos urbanísticos destas dúas iniciativas dado que se tramitan como proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, como paso previo á súa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta, tal e como establece a lei 3/2016 de 1 de marzo.
A maiores, a directora xeral indicou que, como paso previo inicial, en ambos os dous casos se recadou o informe favorable dos respectivos concellos.
Deste xeito, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade solicitou o devandito informe logo de detectar a necesidade de modificar o proxecto inicial da terminal de autobuses integrada na área intermodal da Coruña-San Cristóbal, que xa fora aprobado polo Consello da Xunta no mes de febreiro de 2021, ao constatar, unha vez iniciadas as obras, que era preciso acometer varias reformas.
Así, a remodelación de accesos precisos para ampliar o aparcamento para turismos era desconforme co planeamento vixente xa que está incluído no ámbito do Plan especial da estación de San Cristóbal, que deberá ser desenvolto para poder executar as devanditas obras.
Logo de recibir todos os informes sectoriais preceptivos, e dado que todos foron emitidos en sentido favorable, o pleno da Xunta consultiva de urbanismo acordou emitir un informe favorable sobre a modificación do proxecto inicial da terminal de autobuses da estación intermodal da Coruña.
No que atinxe ao Centro de Protonterapia de Galicia, a súa construción resulta desconforme co planeamento urbanístico de Santiago de Compostela xa que o proxecto excede a superficie construída establecida no Plan especial de ordenación da Área do Hospital Xeral da Choupana.
Ao igual que no caso da estación intermodal da Coruña, todos os informes sectoriais preceptivos foron emitidos en sentido favorable, ao igual que o informe final aprobado polo pleno da Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo sobre os aspectos urbanísticos do proxecto básico do Centro de Protonterapia de Galicia.