Friday 22 de November de 2024

Os colectores laranxas da Pobra rexistraron no total 5 203’5 quilogramos de aceite doméstico en 2023


O Concello da Pobra do Caramiñal atópase facendo o balance do resultado das actuacións en materia de xestión de residuos executadas durante o pasado ano. No caso do aceite doméstico, depositáronse, no total, 5 203’5 quilogramos; unha cifra que se incrementou lixeiramente con relación a 2022, cando se acadaron os 4 995 quilogramos.
Con relación a estes datos, o concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, apunta que a reciclaxe deste líquido graxo evitou a contaminación de 5 723’3 litros de auga, por non se desbotar polos sumidoiros. A maiores, debido a que o seu destino final é o aproveitamento para a produción de biocarburante, xerou un aforro de 15’6 toneladas das emisións do CO².
A Pobra do Caramiñal conta cos característicos colectores laranxas repartidos por diferentes puntos do termo municipal: dezaseis na vía pública (un máis ca no anterior exercicio, coa colocación do de Santo Isidro) e un situado na praza de abastos. A entrega débese efectuar en recipientes de plástico para evitar que se produzan verteduras.
Á cabeza da lista do depósito de aceite atópase o do aparcadoiro do recheo, con 765 quilogramos; vai seguido do da zona verde da rúa Barrantes, da urbanización O Lagar, con 610; do da rúa do Curraliño, na esquina da casa da cultura Raquel Fernández Soler, con 585; do do lugar de Caíños, fronte ó bar O Campiño, con 410; do do lugar da Covecha, fronte ás pistas de tenis, con 340; do do lugar da Virxe do Monte, xunto á capela, con 310; do do lugar da Costa, fronte á panadaría O Forno do Maño, con 305; segue o da zona verde da rúa Lamas e Andrés, con 250; o da rúa Venecia, xunto á pista deportiva, con 240; o do acceso ó paseo dos Areos pola rúa de Venecia, con 225; o do parque do Castelo, fronte ó bar O Facho, con 225; o da explanada da Pedreira, no Camiño Ancho, con 190; o da rúa da Angustia, xunto a Muebles Lijó, con 185; o da Ribeiriña, xunto á marquesiña do bus, con 170; o da estrada de Lesón, xunto ós contedores amarelo e azul, con 165; e o de Santo Isidro, con 150. A maiores, 78’5 quilogramos correspóndense co da praza de abastos.