Friday 22 de November de 2024

O Partido Popular presenta unha queixa ante o Servizo territorial de Inspección Educativa


O Partido Popular presenta unha queixa ante o Servizo territorial de Inspección Educativa, para esixirlle ao Concello de Cambre o correcto mantemento do colexio do Graxal e garantir o benestar do alumnado.

Dada a grave situación que vive o C.E.I.P. O Graxal no Temple, cunha situación insalubre e de suciedade provocada pola redución do horario de limpeza do centro tras o ERTE aplicado pola empresa por mor dos impagos do Concello e que provocou unha folga dos traballadores, ao que se engade a falta de mantemento por parte do Concello, o PP de Cambre denunciou a situación á Inspección Educativa para que comprobe o estado do Colexio e adopte as medidas necesarias para garantir o correcto desenvolvemento da actividade escolar.
“Levamos semanas vendo como o centro estaba sen calefacción nos días máis fríos do inverno, con nenos enfermos ou sen poder ir ás clases, co comedor e os baños sucios, coas fiestras rotas que non foron substituídas xa fai moito tempo, con humidades… o estado do centro empeora e o Concello non reacciona”, aseguran os populares.
“O mantemento e limpeza do centro correspóndelle ao Concello de Cambre, se no goberno local son incapaces de asumir as súas responsabilidades e cumprir coas súas obrigas, se deberá pedir amparo a outras administracións”, indica a portavoz municipal Diana Piñeiro.