Saturday 16 de November de 2024

A Real Orde de Cabaleiros de María Pita recoñece a catedrática Amparo Alonso coa distinción de Cabaleiro de Honra


A alcaldesa, Inés Rey, fíxolle entrega da medalla de ouro da Real Orde e destacou a traxectoria da investigadora como exemplo do futuro tecnolóxico da Coruña

Inés Rey: “Esta cidade ten mulleres e a verdadeira honra é poder recoñecelas como merecen”

O Salón de Plenos de María Pita acolleu esta tarde o acto de nomeamento de Amparo Alonso como Cabaleiro de Honra, distinción outorgada pola Real Orde de Cabaleiros de María Pita. A alcaldesa, Inés Rey, fíxolle entrega esta tarde da medalla de ouro á catedrática e destacou a traxectoria da investigadora como exemplo do futuro tecnolóxico da Coruña. “Un modelo que compartimos e que como alcaldesa sempre tentei impulsar da man da UDC, coa posta en marcha da Cidade das TIC, entre outras moitas accións”, explicou Rey.

Pola súa banda, Alonso mostroulle o seu agradecemento á Real Orde pola distinción e lembrou os seus inicios académicos na cidade. “Cheguei a esta cidade no 1990 coa posta en marcha da titulación en Enxeñería Informática na UDC para desenvolver a miña traxectoria profesional e dende daquela este é o meu lugar de referencia persoal e profesional” sinalou. A catedrática destacou A Coruña como pioneira en Intelixencia Artificial e dedicoulle a distinción á comunidade científica. “Sinto esta honra como un recoñecemento a un colectivo que se esforzou con humildade e dedicación para que hoxe poidamos presumir de ser a gran cidade tecnolóxica de Galicia” concluíu.

No acto, presidido pola rexedora e Gran Mestre da Real Orde de María Pita, tamén
interviñeron o Mestre da Real Orde, José Duarte Novo; e o chanceler da Orde, José Manuel Vázquez Forno. “Este é un recoñecemento de cidade que hoxe che outorgamos baixo a mirada atenta de Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e, por suposto, María Pita. Esta cidade ten mulleres e a verdadeira honra é poder recoñecelas como merecen” concluíu a alcaldesa.