Saturday 16 de November de 2024

A Amtega incorpora ao repositorio de Software Libre da Xunta unha ferramenta do Proxecto Abalar



Libera o Centro Software Abalar, que permite a personalización dos menús do software do programa Abalar para primaria e secundaria

A Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de actualizar os contidos do Repositorio de Software Libre da Xunta, coa publicación dunha ferramenta do Proxecto Abalar e dunha nova versión de XEA (https://forxa.mancomun.org/projects/xea), a aplicación de xestión das aulas da rede CeMIT. Amplíase así o contido do repositorio incrementando as aplicacións e ferramentas que a Xunta facilita para a súa reutilización.

O Centro Software Abalar (https://forxa.mancomun.org/projects/cs-abalar) é unha ferramenta que permite aos profesores xestionar facilmente a visibilidade das iconas das aplicacións nos equipos do proxecto Abalar para adaptalos ao uso dos alumnos de primaria ou secundaria. Os usuarios que descarguen eta ferramenta poderán configurar a visibilidade das iconas das aplicacións no escritorio do seu equipo.

Por outra banda, a nova versión da aplicación de xestión XEA inclúe novas funcionalidades e melloras, sendo xa a terceira versión publicada dende a súa liberación a principios de ano.

Abalar
O proxecto Abalar, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ten como obxectivo a integración das TIC na práctica educativa en Galicia, sendo unha das áreas prioritarias de intervención. Actualmente está en funcionamento en 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO de 531 centros, beneficiando a 52.000 alumnos. Grazas a este proxecto avanzouse tamén na formación e fomento da cultura dixital, xa que se formaron a máis de 23.000 docentes, e se impartiron actividades destinadas a alumnado, profesorado e familias (Navega con Rumbo), en preto de 900 centros.

XEA-CeMIT, aplicación de xestión da rede CeMIT
A rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que integra un total de 98 aulas, repartidas por toda a xeografía galega, e que ten por obxectivo a redución da fenda dixital, impulsando, potenciando e difundo os coñecementos nas tecnoloxías da información e a comunicación da cidadanía galega. A rede CeMIT ten rexistrados máis de 52.000 usuarios e leva impartidas máis de 184.000 horas de formación gratuíta.

XEA facilita a xestión de todos os recursos da redes, adaptándose ás necesidades de axentes TIC e usuarios.

Repositorio de Software Libre da Xunta
Estas publicacións enmácanse no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia que pon á disposición da Administración Pública galega o servizo de certificación de liberación de software. Centro Software Abalar foi liberado cunha licenza libre dual, GPL2 (Genaral Public License Version 2) e EUPL (European Union Public License). Tanto esta solución como a nova versión de XEA poden descargarse dende o Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia, na forxa de Mancomún (http://forxa.mancomun.org).