Recortes, desmantelamento de servizos, manipulación das listas de agarda, urxencias hospitalarias colapsadas, abandono dos PAC, precarización e explotación do persoal, externalización, maiores abandonados, inexistencia de abordaxe das doenzas mentais, velaquí a radiografía da sanidade pública galega
Dende o BNG de Oleiros apoiamos activamente a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o vindeiro 4 de febreiro en Compostela
A nosa Corporación municipal ten expresado xa en diferentes ocasións a súa preocupación pola situación e perspectivas da sanidade pública, tanto a do noso Concello como na da Área Sanitaria á que pertencemos, como consecuencia das políticas sanitarias deseñadas polos sucesivos gobernos do PP, baseada nos recortes de recursos e orzamento, Centros de Saúde e PAC inaccesíbeis, con relacións telefónicas en lugar de presenciais, masificados, no desmantelamento de hospitais comarcais, no abandono dos Centros de Atención Primaria, na ocultación e manipulación das listas de agarda onde só se publican as estruturais con urxencias hospitalarias colapsadas, listas de agarda cirúrxica manipuladas con máis da metade dos pacientes ocultos, na precarización e explotación do persoal, recorte de camas hospitalarias, privatización e externalización de servizos esenciais, maiores abandonados nas Residencias, derivacións de doentes a centros privados, desatención clamorosa da saúde mental como o problema dun doente mental abatido recentemente na Coruña e das mulleres, etc.
Estas políticas levan a sanidade pública galega a un punto de difícil retorno se non as paramos.
A Xunta do PP e a Consellaría de Sanidade, reduciron os orzamentos sanitarios, recortaron os recursos da Atención Primaria (patentes no recente desbordamento pola gripe estacionaria), paralizaron a actividade dos hospitais públicos multiplicando as listas de agarda, enviando ás persoas enfermas aos centros privados concertados, suprimiron a obrigatoriedade da dedicación exclusiva do persoal médico dos seus propios hospitais para que poidan traballar na privada, desmantelaron áreas sanitarias e tamén os seus hospitais comarcais e mantiveron o persoal nunhas condicións laborais precarias e indignas. Un triunfo do PP nestas eleccións, aínda que non sexan municipais, serviría de apoio e referendo a esta política destrutora do Sistema Sanitario Público.
No noso Concello a situación é idéntica ao resto do país coa necesidade de reforma do PAC de Santa Cruz, a necesaria ampliación do ambulatorio de Mera, a carestía endémica nos servizos de pediatría, as listas de agarda mesmo en medicina familiar, o problema das matronas…. .
Cremos que estamos ante un momento importante, en que a Corporación municipal como representantes do conxunto da cidadanía, indistintamente da forza política á que pertenzan os seus membros, deberiamos traballar conxuntamente para que no noso concello e na Área Sanitaria se poida dispor duns servizos sanitarios públicos de calidade. Non se pode nin se debe admitir o deterioro do noso sistema polos recortes e privatizacións do Sistema Sanitario Público.
Os municipios da Área de Sanitaria e do resto do país necesitan uns servizos públicos de sanidade acordes co desenvolvemento social, cultural e democrático dos tempos actuais.
Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal apoiar activamente a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o vindeiro 4 de febreiro en Compostela para reverter todas estas políticas aniquiladoras da sanidade pública do país.