Friday 22 de November de 2024

A consellería de Política Social comeza unha nova edición do ‘Xuventude Crea’ coa convocatoria do concurso para elaborar o cartel do certame para 2016



O autor ou autores da obra gañadora, que poderá presentarse ata o 29 de febreiro, recibirán un único premio de 500 euros

Tras o remate da edición de 2015 da iniciativa ‘Xuventude Crea’ da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e a gala final de entrega de premios o pasado día 3, o programa de creadores novos inicia unha nova andaina para o ano 2016 coa convocatoria dun concurso co fin de elaborar o cartel deste certame. Nesta iniciativa poderán participar todos os mozos e mozas de entre 18 a 30 anos, ambas inclusive, e residentes en Galicia, agás o gañador do premio na edición do ano anterior.

Cada autor ou autores poderán participar con dúas obras orixinais, inéditas e en galego, e admitiranse traballos realizados tanto de forma individual como en grupo. Os traballos presentaranse en formato vertical cunhas dimensións de 50 por 70 centímetros e montadas en superficie ríxida. O tema e a técnica serán libres. As obras deben incluír obrigatoriamente o texto ‘Certame Xuventude Crea 2016’, así como as especialidades que o compoñen: artes plásticas (pintura e escultura), banda deseñada, moda, fotografía, deseño de xoias, graffiti, música, poesía, relato breve, teatro, cociña e videocreación. O autor ou autores da obra gañadora recibirá un único premio de 500 euros. O prazo de admisión das obras rematará o día 29 de febreiro de 2016.

Os obxectivos fundamentais desta iniciativa da Consellería de Política Social é fomentar a participación e creatividade xuvenil, como mostra da iniciativa e do talento que amosa a mocidade galega; facilitarlle aos mozos e mozas as plataformas nas que manifesten a súa inquedanza artística e cultural, ao mesmo tempo que desenvolven as súas capacidades e habilidades. Como novidade na edición do 2016 o certame incluirá a especialidade de cociña.

Éxito rotundo en 2015
‘Xuventude Crea’ é a maior manifestacións das posibilidades creativas da xuventude galega. Na edición do 2015 participaron máis de 300 mozos e mozas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos. Un total de 228 proxectos individuais e en grupo, para as once especialidades previstas. Cada unha das especialidades conta con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros.

Esta iniciativa inscríbese no Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016, que ten como un dos seus eixos principais o fomento da creatividade e o espírito empresarial e propón 22 medidas concretas para seguir avanzando neste eido