Friday 22 de November de 2024

Aprobada a nova licitación do contrato dos servizos de limpeza e conserxería de edificios e instalacións municipais e centros escolares


Na Xunta de Goberno tamén se acordou concorrer a convocatorias de axudas da Xunta de Galicia para a mellora do centro sociocultural da Insua e para organizar actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas municipais.

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe aprobouse o novo expediente de contratación do servizo de limpeza e conserxería en centros escolares, edificios, dependencias e instalacións de titularidade municipal. Nos próximos días publicarase a documentación na Plataforma de Contratación del Sector Público antes de iniciarse o prazo de presentación de ofertas.
O orzamento ascende a un total de 1.730.000 euros pola prestación do servizo durante un período máximo de catro anos (dous anos prorrogables por outros dous máis). Nos pregos que rexerán o procedemento tamén queda definida a relación de persoal adscrito ás diferentes instalacións con posibilidade de solicitude de subrogación.
Co propósito de incrementar a competencia e facilitar a participación das pequenas e medianas empresas no procedemento, a contratación estruturarase en dous lotes, establecendo que un mesmo licitador só poderá ser adxudicataria dun deles.
O lote 1 é o referido ao servizo de limpeza e conserxería dos centros de educación infantil e primaria do municipio: o Otero Pedrayo, o Alfredo Brañas e o de Caión. O valor estimado do contrato polos catro anos ascende a 873.620,20 euros.
O lote 2 inclúe o resto de edificios e instalacións municipais: Casa do Concello, Edificio Administrativo, escola infantil, Casa da Cultura, Centro sociocultural de Paiosaco, Centro sociocomunitario de Caión, Centro sociocultural da Insua, biblioteca da Laracha, centro de saúde de Caión, nave municipal do parque empresarial, pavillóns polideportivos de Caión, do IES Agra de Leborís e do CEIP Alfredo Brañas e o complexo deportivo do Campo de Fútbol Municipal da Laracha (incluíndo o pavillón e as pistas de pádel). Neste caso o valor estimado do contrato é de 855.770,12 euros.
Centro sociocultural da Insua
Por outra banda, o Concello ten proxectada a renovación da fachada exterior e a mellora do illamento térmico do centro sociocultural da Insua, en Caión. A intervención está valorada en 24.000 euros, incluíndo a reparación dos paramentos exteriores e o repintado dunha superficie superior aos trescentos metros cadrados. Deste xeito serán mellorados o acabado e a estética exteriores, favorecendo ademais a integración do edificio no entorno no que se sitúa.
Na Xunta de Goberno acordouse concorrer á convocatoria de axudas do Instituto de Estudos do Territorio para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos precisamente para o cofinanciamento desta intervención.
Ademais desta actuación en Caión, o Concello tamén ten proxectada a renovación integral do centro sociocultural de Erboedo.
Dinamización da lectura nas bibliotecas municipais
Por último, salientar que se acordou concorrer á convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o desenvolvemento de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas municipais.