O Concello volve apostar por unha variada selección das máis recentes longametraxes nacionais e internacionais dirixidas por mulleres
A Mostra Cinema por Mulleres A Coruña xa ten datas para realizar a súa segunda edición. Será do 22 de febreiro ao 9 de marzo en Los Cantones Cines, cunha variada selección das máis recentes longametraxes nacionais e internacionais dirixidas por mulleres. O Concello dá continuidade a esta programación, que na súa primeira edición acadou un grande éxito de asistencia e valoración. A marca Sidras Maeloc, de Hijos de Rivera, será o patrocinador do evento.
A mostra estará composta por unha coidada selección de 10 longametraxes internacionais e 10 nacionais dirixidas por mulleres e realizadas entre 2022 e 2023. As 20 películas que conformarán a II Mostra son as que participaron na Competición Internacional e a Competición Nacional do VI Festival Cine por Mujeres Madrid, que tivo lugar do 24 de outubro ao 5 de novembro de 2023. Proveñen de países tan variados como Lituania, Bélxica, Francia, Marrocos, Reino Unido, Corea do Sur, Canadá, Grecia, México, Alemaña, Israel, Países Baixos, Chile, Suecia e, obviamente, España. Destas 20 longametraxes, a metade serán estreas absolutas para o público coruñés: 6 internacionais e 4 españois.
Entre elas, atópanse longametraxes con múltiples premios en festivais internacionais como ‘How to have Sex’ da directora británica Molly Manning Walker –gañadora de Premio a Mellor Película 2023 do VI Festival Cine por Mujeres Madrid, ademais de Premio do xurado novo e Premio a Mellor Directora Novel de Valladolid-SEMINCI, Premio Un certain regard do Festival de Cannes e premio European Discovery- Prix Fipresci na European Film Academy, entre outros-, e ‘O corno’ de Jaione Camborda, gañadora da Cuncha de Ouro en San Sebastián. A dita directora presentará o pase da súa película en Los Cantones Cines e manterá un coloquio posterior co público.
Ademais, cabe destacar que 7 das películas programadas para a II Mostra Internacional de Cinema por Mulleres A Coruña contan con diversos nomeamentos aos Premios Goya 2024:
● ‘20.000 especies de abejas’, de Estibaliz Urresola Solaguren, con 15 nomeamentos.
● ‘El maestro que prometió el mar’, de Patricia Font, con 5 nomeamentos.
● ‘Creatura’, de Elena Martín Gimeno, con 4 nomeamentos.
● ‘O Corno’ de Jaione Camborda, nomeada a Mellor actriz revelación para Janet Novás.
● ‘Chinas’, de Arantxa Echevarría, con 4 nomeamentos.
● ‘El sueño de la sultana’, de Isabel Herguera, nomeada a Mellor película de animación.
● ‘La memoria infinita’, de Maite Alberdi, nomeada a Mellor película iberoamericana.
Como novidade, esta edición comezará cunha mesa redonda (xoves 22 de febreiro ás 19.00 horas no Teatro Colón), moderada por Chelo Loureiro (Ferrol, directora e produtora de cinema), que terá lugar o día 22 de febreiro no Teatro Colón da Coruña. Nela participarán relevantes directoras de cinema como Ángeles Huerta (A Coruña); Jaione Camborda (San Sebastián-Santiago de Compostela); Olga Osorio (Lugo) e Paula Cons (A Coruña). O obxectivo deste encontro non é só para visibilizar o seu traballo, senón para poñer en valor o protagonismo destas profesionais no auxe da ficción audiovisual galega, con películas producidas na comunidade ou rodadas en Galicia e en galego.
O Goberno de Inés Rey mantén a súa aposta por un ciclo cultural que reivindica a igualdade e visibiliza as grandes obras dirixidas por mulleres dos últimos anos. A II Mostra Cinema por Mulleres A Coruña será presentada na Coruña o 22 de febreiro polos co-directores e fundadores do proxecto, Carlota Álvarez Basso e Diego Mais Trelles, mentres que algún dos 20 pases contarán coa presentación das súas directoras ou coa presentación da crítica e programadora coruñesa Andrea Franco.
As entradas terán un prezo de 4,5 euros (3 euros con desconto para desempregados, maiores de 65, familias numerosas e posuidores do carné xove) e haberá dous pases diarios ás 18.00 e ás 20.30 horas. Todas as películas serán proxectadas en versión orixinal con subtítulos.