A Xunta propón ampliar a ponte de Pename, unha obra que, por si soa, apenas reduce o risco de inundación nas zonas máis afectadas
A administración local terá en conta os datos do estudo autonómico dos ríos Belelle e Basteiro na súa proposta global de intervención
O Concello de Neda está a analizar polo miúdo os datos do estudo realizado por Augas de Galicia sobre os ríos Basteiro e Belelle, remitido o venres pola tarde á administración local. Trátase dun documento que enumera posibles medidas para minimizar os riscos de asolagamento na contorna destes leitos fluviais, poñendo o foco nunha obra- a ampliación da ponte de Pename- que, á vista das simulacións aportadas no propio estudo, non impediría que se repetira unha riada como a vivida o pasado 14 de novembro. O Concello, que está a traballar no seu propio informe técnico, lamenta que a entidade pública empresarial, dependente da Xunta, evite dar unha solución real a un problema que afecta a decenas de veciños e veciñas de Neda.
O documento presentado, que conta cunha ampla diagnose, e inclúe simulacións baseadas en modelos dixitais do terreo e en actualizacións dos modelos de inundación, apunta cuestións tan sorprendentes como a imposibilidade de coñecer o caudal do Belelle na fatídica xornada da riada, ao non funcionar casualmente ese día a estación de aforo existente.
O estudo pasa de puntillas por boa parte das medidas de prevención propostas polos técnicos, que abarcan dende accións de restauración fluvial ata a incorporación de sistemas de alerta hidrolóxica pasando por medidas de autoprotección das vivendas, que deixan nas mans da veciñanza. Polo contra, céntrase na actuación que, a teor das informacións distribuídas, avoga por impulsar Augas de Galicia. Trátase da ampliación da ponte de Pename, infraestrutura de 14 metros de largo por 2,82 m de alto, de titularidade municipal.
UTILIDADE DA MEDIDA
A Xunta defende que duplicar a lonxitude desa ponte axudaría a mellorar a distribución do caudal entre ambos ríos. Non obstante, os modelos que presenta o seu propio informe reducen o impacto que tería, por si soa, esa actuación. De feito, nunha das conclusións alude á complexidade da bifurcación pola cantidade de muíños, azudes e canles existentes.
Augas de Galicia e Concello de Neda coinciden, iso si, na necesidade de garantir unha axeitada redistribución da carga dos dous ríos, nunha proporción 80-20%, para atallar as inundacións. Cousa diferente son os camiños para conseguilo.
ANÁLISE A FONDO DAS ALTERNATIVAS
Nesta liña, o goberno local afea o desinterese da Xunta por explorar a fondo o conxunto das alternativas suxeridas polos seus propios técnicos. Así, o estudo presentado non valora os efectos que tería a eliminación de azudes, advertindo da existencia de concesións privadas dependentes do propio organismo. Ademais, relega a un segundo plano a proposta de modificar a ponte do Basteiro na AC-115, de titularidade autonómica, que, con cinco metros de ancho, estrangula o paso do río por Santa María. Anota: “Puente de Patrimonio NO SE TOCA”.
ESTUDO MUNICIPAL
Nesta situación, a administración local está a aproveitar os datos do estudo autonómico para concluír a súa proposta global de intervención, que avaliará, por exemplo, os hipotéticos beneficios de rebaixar algunhas das presas para facilitar a circulación normal da auga, ou de modificar algúns dos pasos que hai sobre o Basteiro. E con ese informe na man determinará que actuacións pode asumir para acabar dunha vez coa problemática das inundacións.
COLABORACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS
O goberno local afea a Augas de Galicia que reclame a adaptación do Plan de Urbanismo para que os asentamentos nesas zonas inundables non sigan crecendo, ao tempo que informa favorablemente a construción de dúas vivendas a poucos metros do río. E lembra que, case dez anos despois da presentación inicial do PXOM, a entidade aínda non enviou ao Concello o informe preceptivo solicitado. Por último, solicita á Xunta que aclare publicamente se colaborará con Neda ou non – tal e como, no seu momento, avanzou o xerente de Augas de Galicia- no financiamento das obras precisas para que non se repita o vivido o 14 de novembro.