Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño iniciará en febreiro o ciclo da Escola de Familias


Os departamentos de Educación familiar e de Servizos Sociais volven poñer en marcha o programa deseñado para favorecer un desenvolvemento integral da rapazada, desde a etapa preescolar até a adolescencia. Neste sentido, o que antes eran Tempos das Familias e Espazos das Familias xúntanse agora nun mesmo itinerario denominado Escola de Familias que mantén a súa filosofía de servir de punto de encontro onde compartir experiencias sobre a crianza dos fillos e fillas e, ao mesmo tempo, asesorarse con persoas expertas en distintas materias. As sesións, que son gratuitas, comezan en febreiro e desenvolveranse ata finais de maio, todas elas na Casa da Cultura. Fai falla inscrición previa no 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal.

O Concello contará coa colaboración da médica do CHUF Ana Belén Pérez Fernández, da psicóloga clínica Pilar Carballeira e da coach e educadora Laura Balado, que abordarán temas relacionados cos primeiros auxilios, o control das rabietas e a prevención do bullying.

Ademais, nas cuestións que teñen máis que ver coa prevención de condutas aditivas, a mellora da comunicación e as normas e límites no seo da familia, tamén axudará persoal experto de ASFEDRO, no marco dun programa financiado pola Consellaría de Sanidade.

A programación completa da Escola de Familias é a seguinte:

7 de febreiro, de 17:00 a 18:30h: Primeiros auxilios infantís, dirixidos a familias con nenas e nenos de entre 0 e 6 anos.
28 de febreiro, de 17:00 a 18:30h: Comunicación na familia e estilos educativos. Para familias con rapazada en Primaria ou Secundaria, de 6 a 16 anos.
6 de marzo, de 17:00 a 19:00h: Coñecendo as rabietas, normas e límites na primeira infancia (0 a 6 anos).
20 de marzo, 17:00 a 18:30h: Impacto e prevención do bullying na vida das nosas crianzas (6 a 16 anos).
24 de abril, 17:00 a 18:30h: Normas e límites na familia (6 a 16 anos).
29 de maio, 17:00 a 18:30h: Condutas aditivas (6 a 16 anos).

Coa finalidade de asegurar un número mínimo de participantes que permita levar a cabo cada actividade, desde o programa de Educación Familiar requírese inscrición previa -gratuita- a través do teléfono 673 903 922 ou do correo veronica.perez@sansadurnino.gal. A través da web, da axenda e das redes sociais municipais iranse lanzando recordatorios nos días previos a cada unha das citas.