Friday 22 de November de 2024

Os Centros de Interpretación do Camiño acolleron neste ano preto de 50.000 visitantes


O Centro de Interpretación de O Cebreiro é o que conta con máis visitantes pola súa situación neste emblemático punto do Camiño Francés ao rexistrar ata finais do mes de outubro un total de 27.816 visitas

Os Centros de Interpretación do Camiño Norte e Primitivo levan contabilizadas un total de 18.539 visitas ata o mes de novembro. O Centro expositivo do Camiño Norte, localizado en Mondoñedo, recibiu neste ano 4.450 visitantes. Pola súa parte, o Centro do Camiño Primitivo, situado na cidade de Lugo, ata fins de novembro deste ano rexistrou 14.089 visitantes. En canto ao Centro de Interpretación de O Cebreiro, na entrada en Galicia do Camiño Francés, contabilizou ata finais do mes de outubro un total de 27.816 visitas. Con todo, espéranse superar na totalidade do 2015 os 50.000 usuarios entre os tres.

Os dous primeiros lugares de exposición están localizados nos itinerarios do Camiño de Santiago que recentemente foron declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco e dende este anuncio a afluencia de visitantes incrementouse notablemente.

Centro de Interpretación do Camiño Norte
O Centro de Interpretación do Camiño Norte, situado nun pazo do s. XVIII, procura explicar o fenómeno das peregrinacións a Santiago, no seu contexto histórico e espacial.

Consta de tres espazos que suman un total de 150m2 de superficie. O primeiro espazo é a sala de introdución ‘Peregrinar a Compostela’, a segunda estancia coñecida como ‘O Camiño Norte. Un Camiño diverso e monumental’ acolle os aspectos físicos máis salientables do Camiño como as características da natureza que percorre, a súa destacada monumentalidade e os elementos que mellor definen a propia ruta tales como as pontes, os cruceiros, as fontes ou os tramos históricos e orixinais da ruta. O Centro complétase coa sala de ‘Culto e Peregrinación no Camiño Norte’ na que se expón un repaso á historia do Camiño e os primeiros documentos que a recollen.

Os elementos expositivos inclúen paneis con imaxes e textos, vídeos de diversa duración, unha maqueta interactiva do Camiño, un programa cartográfico virtual e pantallas multimedia que recollen diversa información sobre os diversos puntos e elementos culturais e naturais da ruta, sobresaíndo un vídeo que representa un voo virtual sobre todo o territorio do Camiño Norte en Galicia. Neste museo son destacables ademais os documentos facsimilares como o mapa de Cornide, no que xa se recolle está vía como un Camiño de Santiago ou as testemuñas por escrito da peregrinación do bispo Martiros de Arzedján en 1492 e o do señor Montigny que peregrinou en 1501.

Centro de Interpretación do Camiño Primitivo
O Centro de Interpretación do Camiño Primitivo, en Lugo, está localizado nos restos dunha casa-torre do s.XV e da a coñecer un aspecto pouco tratado como é o da época medieval nunha cidade cuns sinais de identidade moi identificados co mundo romano. Deste modo, os contidos no que se basea este proxecto museolóxico e museográfico son a cidade nos séculos centrais da Idade Media, a renovación de Lugo na época barroca, a hospitalidade e o camiño da peregrinación tratando por un lado o propio Camiño Primitivo e por outro o aspecto internacional desta peregrinación da que Lugo forma parte. Ademais este Centro ten un espazo específico para dar a coñecer unha visión da cidade burguesa do século XIX, época de progreso e modernidade coincidente coa chegada a Lugo do ferrocarril.

O Centro de Interpretación divídese en varias salas. A entrada é coñecida baixo o título ‘Lugo medieval. O Burgo Vello. Urbanismo e sociedade’, a planta superior da casa-torre alberga información sobre a sociedade laica luguesa e a nobreza e os gremios urbanos, a zona nobre é para o Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade e o alpendre e patio albergan a hospitalidade xacobea na cidade de Lugo. O Centro de Interpretación completase coa sala de librería que integra o ‘Lugo na Idade Moderna. A revitalización barroca’ e ‘Un novo escenario urbano para o século da industria e do Progreso’.