— O organismo, que se reunirá por primeira vez esta semana, terá inicialmente ao redor de 15 membros, aínda que a súa composición poderá sufrir máis incorporacións para adaptala ás necesidades e perfís profesionais que se vaian requirindo
— Ángeles Vázquez subliña que un operativo formado por axentes medioambientais, vixiantes e gardas inspeccionaron ata agora 350 praias galegas diferentes, incluíndo visitas diarias aos areais das Illas Atlánticas e do Parque Natural de Corrubedo
— Máis de 400 efectivos despregados por terra e mar están a traballar hoxe en 69 praias pertencentes a 30 concellos, aos que se suman case 60 formadores de voluntarios nas praias e 2 helicópteros e 14 embarcacións de Gardacostas
— Desde a posta en marcha do operativo de limpeza, retiráronse dos areais case 2.500 kg de pellets, equivalentes a 99 sacos, e 5.200 kg doutros residuos plásticos
O comité científico que asesorará á Xunta para avaliar o impacto da vertedura de pellets en Galicia estará integrado por expertos e catedráticos das tres universidades galegas, investigadores vencellados a organismos de referencia a nivel nacional como o Instituto Español de Oceanografía (IEO), o Centro de Estudos de Portos e Costas (CEDEX) e o CSIC, membros de organismos autonómicos como Cetmar e Intecmar e da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) e, finalmente, representantes de entidades ambientais e ecoloxistas.
Tras avanzar que esta mesma semana se convocará aos seus membros a unha primeira reunión, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que o novo órgano de asesoramento específico en materia de plásticos estará integrado, inicialmente, por uns 15 expertos de diferentes eidos e vencellados a entidades públicas e privadas de prestixio tanto a nivel galego como estatal. En todo caso, a súa composición será susceptible de sufrir cambios e sumar novas incorporacións para adaptala ás necesidades e perfís que se vaian requirindo.
Ao respecto, Vázquez Mejuto explicou que a misión deste comité científico de expertos será avaliar as actuacións que poidan ser necesarias, “a medio e longo prazo”, derivadas do impactos dos plásticos no mar e na costa da Comunidade.
Concretamente, subliñou que deberá proporcionar “directrices en tres eidos”: elaboración dun programa a curto, medio e longo prazo dos efectos dos plásticos; análise da ecotoxicidade deste material nos ecosistemas mariños, con especial atención á fauna mariña e da avifauna costeira; e valoración das boas prácticas e das regulamentacións necesarias para prever posibles verteduras plásticas.
Tras destacar o excelente labor realizado polo persoal da Xunta, os traballadores municipais e os voluntarios nos últimos días ante a chegada a Galicia de material plástico procedente do mercante Toconao, a vicepresidenta quixo destacar en particular o traballo “exhaustivo” que está a realizar o dispositivo integrado por axentes medioambientais, vixiantes de recursos naturais e gardas dos parques naturais que, ata o de agora, inspeccionou un total de 350 praias, incluíndo visitas diarias aos principais areais do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e do Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregán e Vixán.
Neste sentido, cómpre indicar que a información recompilada polos axentes e vixiantes ambientais no marco destas inspeccións se traslada ao operativo de limpeza para que inclúan na súa planificación diaria aqueles areais nos que se detecten pellets.
Ademais, Ángeles Vázquez engadiu que os traballadores dos centros e recuperación de fauna da Xunta non teñen constatado nos últimos días ningún caso de ave falecida por inxestión de plástico.
Operativo diario e balance acumulado
Así mesmo e no marco da información que diariamente proporciona a Xunta con relación á vertedura de pellets, Ángeles Vázquez explicou que o operativo autonómico de vixilancia, detección e limpeza, por terra e mar, está integrado hoxe por máis de 400 efectivos, aos que hai que sumar, recordou, os 60 formadores de voluntarios que asesoran a pé de praia a aquelas persoas que queren colaborar nas tarefas de recollida e limpeza dos areais.
Máis concretamente, indicou que ao longo do día de hoxe o persoal de medios propios se encarga da limpeza de 69 praias localizadas en 30 concellos, mentres que por mar o Servizo de Gardacostas ofrece apoio e continúa a facer un seguimento da situación mantendo activos os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 e un total de 14 embarcacións.
En canto ao balance acumulado dos traballos de limpeza, detallou que desde a activación do dispositivo, a comezos de xaneiro, recuperáronse xa 2.473 kg de pellets plásticos —cantidade equivalente a 99 sacos como os que transportaba o Toconao cando perdeu parte da súa carga en augas portuguesas—. Ademais, engadiu que o resto de residuos plásticos retirados das praias desde o pasado día 10 superan xa os 5.200 quilos, é dicir, “máis do dobre” que os pellets recuperados.
De feito, na xornada de onte —a última da que se teñen datos— o dispositivo mobilizado pola Xunta recuperou 178 kg de pellets e algo máis de 1.000 kg doutros residuos plásticos asimilables aos que se depositan no contedor amarelo.
Por último, a responsable autonómica referiuse tamén á previsión meteorolóxica e á evolución das correntes para as vindeiras horas, indicando que a entrada hoxe da borrasca Irene en Galicia podería contribuír a “afastar os pellets” da costa galega, tal e como avanzara xa o Observatorio Costeiro Integral de Galicia.