Saturday 16 de November de 2024

A Xunta salienta a importancia de facilitar á xente a nova o seu paso da vida académica ao ámbito laboral


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo hoxe cos dous mozos que completaron a súa estadía formativa no centro de turismo ecuestre ‘O Ventoso’ de Laracha, no marco do programa Xuventude Mentoring na Empresa

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe a importancia de iniciativas como o Xuventude Mentoring e o Xuventude Mentoring na Empresa para que a xente moza teña máis facilidades de integrarse no mercado laboral cando remata a súa etapa formativa. Díxoo durante unha visita ao centro de turismo ecuestre ‘O Ventoso’, en Laracha, que participou no programa Xuventude Mentoring na Empresa no marco do proxecto da Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) de Galicia.

A directora xeral tivo a ocasión de conversar con Alina Porteira, de 23 anos e natural de Mesía, e Daniel Areosa, veciño de Carballo de 21 anos, que realizaron unha estadía formativa neste centro que supuxo para eles unha primeira experiencia no ámbito profesional. Cristina Pichel sinalou que o obxectivo que persegue a Xunta con este tipo de programas é facilitar á mocidade ás ferramentas necesarias para que accedan ao mercado laboral.