Friday 22 de November de 2024

A Xunta apoia o financiamento das pemes galegas a través dos préstamos Jeremie e Bei e o capital risco


O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salienta que mediante estas liñas se achegan apoios adaptados ás diferentes necesidades das pequenas e medianas empresas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, está a impulsar o financiamento das pequenas e as medianas empresas mediante tres programas de préstamos directos: os impulsados con fondos Jeremie; os BEI e o capital risco de Xesgalicia, entre os que as pemes poden optar en función da dimensión ou as características dos seus proxectos.

Tal e como salientou o director do Igape, Javier Aguilera, para os novos emprendedores, os autónomos ou as pemes que desexen investir, o Igape dispón da liña de préstamos con fondos Jeremie. Mediante este programa, que está a ter unha importante acollida no tecido empresarial galego, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia investimentos a partir de 70.000 euros mediante préstamos directos que poden ir desde os 49.000 euros ata 1,8 millóns de euros.

Para proxectos de maior dimensión, preferentemente industriais e de empresas exportadoras, ou para empresas que precisen, de forma complementaria, financiar circulante, o Igape dispón da liña de préstamos con fondos BEI. A través desta liña apoiaranse investimentos a partir de 150.000 euros con préstamos desde 75.000€.

Segundo indicou o director do Igape, tanto os préstamos Jeremie, a 11 anos, como os dotados con fondos BEI, con prazos de amortización de ata 12 anos, ofrecen unhas condicións especialmente favorables para garantir que o custe do financiamento non sexa impedimento para impulsar investimentos en Galicia.

Para un conxunto aínda máis amplo de proxectos, os emprendedores e as empresas que queiran investir na comunidade dispoñen ademais dos diferentes fondos de capital risco da Xunta que xestiona Xesgalicia. Trátase de fondos con préstamos participativos ou capital risco tanto para cofinanciar proxectos nacentes como para iniciativas en crecemento, especialmente para proxectos innovadores.

Con todos estes instrumentos, integrados no programa Galicia 1000, unidos aos que se porán en marcha en datas próximas, para financiar circulante avalado co programa Resolve, entre outros, a Xunta dispón dun completo catálogo de instrumentos para garantir que ningún proxecto viable quede sen desenvolver por falta de financiamento axeitado, engadiu o director o director do Igape.