Garante a “colaboración leal” do Goberno galego coas tres institucións académicas públicas en beneficio do “proxecto común” que é Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o “importante papel” que xogan as tres universidades públicas galegas para garantir o progreso social e configurar a “Galicia do presente e do futuro”. Así o puxo en valor durante o acto da toma de posesión do novo reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, no que asegurou que os galegos poden estar “moi orgullosos” do traballo “en rede” e “en beneficio do conxunto” da comunidade que desenvolven as tres institucións académicas.
Durante a súa intervención, Rueda salientou que as universidades son o motor que fai “avanzar e progresar” unha sociedade, á vez que lle atribuíu ser un “dos principais marcadores” que permiten valorar o nivel do seu sistema educativo, “que é tanto como dicir a calidade dun país”, enxalzou. Neste senso, destacou como as tres universidades públicas galegas están a garantir a “igualdade de oportunidades, progreso e benestar social” na comunidade.
Ante este papel social, considerou como “obxectivos fundamentais” destas entidades académicas estar conectadas coa realidade da súa contorna, adiantarse as necesidades do futuro para darlles resposta e apostar sempre pola “excelencia e a calidade”.
Colaboración leal coas universidades para o proxecto común de Galicia
En canto ao novo reitor coruñés, o presidente apuntou que entre os retos que deberá afrontar está o de seguir consolidando á UDC como un referente e “epicentro” no eido das tecnoloxías -da man da Cidade das TIC ou da sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA)-; seguir reforzando a especialización industrial a través do “pioneiro” campus de Ferrol; avanzar na internacionalización; e impulsar a investigación.
Pola banda do Goberno galego, o seu titular amosou o compromiso da Xunta cos tres campus galegos aos que lle garantiu o mantemento da “colaboración leal” que, segundo precisou, se reflicte nos plans de financiación a cinco anos para poder planificar ás actividades, a aposta polo I+D+i, a conxelación das taxas ou a renovación e actualización da oferta educativa. “Galicia é un proxecto común e pódense facer moitas cousas conxuntamente”, defendeu para concluír con respecto á cooperación entre Administración e universidades.