Friday 22 de November de 2024

A Concellaría de Bibliotecas difunde a literatura bergantiñá nos centros de ensino


Un ano máis, a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística está a facer entrega nos distintos centros educativos do noso concello dun lote de libros de autores/as ou temáticas da nosa contorna. Dende o Concello de Carballo queremos apoiar a creación local, e por iso cada ano enviamos aos colexios e institutos unha selección das obras máis recentes dos escritores carballeses e bergantiñáns para que as incorporen aos fondos das súas bibliotecas.

Este curso os colexios A Cristina, Xesús San Luís Romero, Bergantiños, Fogar, Canosa-Rus, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán e Artai, así coma os institutos Monte Neme, Alfredo Brañas e Isidro Parga Pondal incorporarán ás súas bibliotecas tres novos tomos do amplo estudo de Manuel Lourenzo sobre teatro, Os contos das risas serias, de Xohán Xabier Baldomir, editado con motivo do Ano do Xestal; As crebas da memoria, de Olga Rodríguez, que inclúe unha ruta por territorio carballés, e Monte Neme, o olimpo bergantiñán, o Instituto de Estudos Bergantiñáns. E ademais axuntamos un calendario do ano 2024.

“Dende as Bibliotecas de Carballo queremos agradecervos a vosa participación nas actividades que ao longo do ano imos planificando con esmero e cariño”, sinala a concelleira da área, Ángeles Pacoret, nunha carta que acompaña o envío de material, que conclúe co compromiso de seguir traballando “para achegar o mundo máxico das palabras ás crianzas”.

Ademais da promoción da literatura dos nosos creadores, o Concello de Carballo tamén traballa de maneira continuada na difusión do libro e da lectura a través de iniciativas como a Semana do Libro e a Lectura, a Praza dos Libros ou os puntos de bookcrossing, xunto con actividades moi diversas que se desenvolven ao longo de todo o ano nas bibliotecas municipais.