Friday 22 de November de 2024

O goberno galego destina 50 millóns de euros a programas de formación que axudarán a 13.000 galegos a atopar un traballo


Recorda que o paro baixou un 9,44% ao longo dos últimos 12 meses, unha baixada “positiva, pero non suficiente”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o Consello deu luz verde a catro programas de emprego e formación, que “axudarán a máis de 13.000 galegas e galegos a atopar un posto de traballo”. O orzamento conxunto destas medidas ascende a 49,3 millóns de euros.

O presidente recordou os últimos datos do paro, que revelan que baixou un 9,44% ao longo dos últimos 12 meses. “Esta baixada é positiva —afirmou—, pero non é suficiente. Queremos que siga crecendo o número de persoas que atopan un traballo en Galicia”. O paquete aprobado hoxe con este fin engloba catro medidas: cursos de formación, obradoiros de emprego, obradoiros destinados aos menores de 30 anos e programas integrados de emprego.

Destinaranse 33 millóns de euros a organizar máis de 670 cursos de formación, nos que os participantes poderán obter un certificado de profesionalidade con validez en toda España. Neles participarán arredor de 10.100 persoas rexistradas no Servizo Público de Emprego. Algúns dos cursos que se organizan por primeira vez este ano son os de soldadura, caldereiría, estruturas metálicas e deseño da industria naval, “ante o aumento da carga de traballo nos estaleiros en construción e reparación de buques e eólica mariña”, segundo indicou Feijóo.

Obradoiros organizados xunto aos concellos
En segundo lugar, 14 millóns de euros estarán orientados a organizar 80 obradoiros de emprego, tanto para o público xeral como os específicos para menores de 30 anos. Dos primeiros poderán beneficiarse 1.300 persoas que, ao longo de seis meses, poderán mellorar a súa formación e gañar un soldo. Reservaranse o 20% das prazas aos beneficiarios da Risga e primaranse proxectos de rehabilitación de fachadas, edificios públicos e espazos medioambientais.

Os obradoiros específicos para menores de 30 anos, pola súa banda, requiren que os participantes estean inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. A eles destinaranse 4 millóns do 14 do total dos obradoiros.

Ambas as dúas modalidades de obradoiros serán organizadas polos concellos, aínda que será a Xunta quen financie o soldo e a contribución á Seguridade Social dos participantes nos cursos, dos docentes e dos administrativos que xestionan o proxecto. “Así poñemos en valor, unha vez máis, a importancia da colaboración entre institucións”, subliñou Feijóo.

A cuarta das medidas corresponde ás axudas para os plans integrados de emprego. O seu importe rolda os 3 millóns de euros e beneficiarán a 1.600 persoas. Estes programas distínguense dos anteriores en que contan con asesoramento individualizado para cada participante, ao que se lle deseñará un itinerario de formación especializado. Durarán 12 meses e incluirán obrigatoriamente accións formativas e de intermediación laboral.