Unha mestura de thriller policíaco e novela romántica cunha trama cun potente trasfondo histórico é o que poden atopar as lectoras e lectores nas páxinas do novo libro de Laura Novelle: Todo lo que he callado. A autora dará a coñece-lo ante o público pobrense no 19 de xaneiro, ás 20.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e María José Pacheco Etchevers, mestra xubilada licenciada en Xeografía e Historia, acompañarán á escritora, historiadora e divulgadora na presentación.
Novelle conta xa cunha fecunda traxectoria literaria e, nesta obra de ficción, céntrase na historia de León Cantud, un membro da policía científica en labores administrativas ao que lle cambiará a vida a investigación dun caso.