Saturday 16 de November de 2024

Os Ratos de Lonxedetodo regresan un ano máis á Biblioteca Rego da Balsa para seguir animando á cativada a ler


As historias dos simpáticos protagonistas de Trinketrinke Teatro acompañarannos ata o 15 de maio con sesións dobres cada quince días

Na Biblioteca Rego da Balsa hai uns ratiños que de cando en vez saen do seu agocho para contarlles e cantarlles aos nenos e nenas historias ben fermosas. Son os Ratos de Lonxedetodo, auténticos devoradores de libros (ollo! non no sentido literal), e grandes amigos da rapazada de catro a oito anos.
O 15 de novembro comezou o seu curso particular na gran escola de lectura que é a nosa biblioteca, e despois dunhas merecidas vacacións de Nadal, este mércores 17 regresan para seguir inculcando nos/as máis peques a afección polos libros.
Xa sabedes que temos función dobre cada quince días: mércores ás 17.00 e ás 18.30 horas. A entrada é de balde, pero para asistir é preciso inscribirse, xa que as prazas son limitadas. Podedes chamar á biblioteca (981 758 580) desde o mércores anterior a cada función. Estas son as próximas que nos ten preparadas a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística:
• 17 de xaneiro: Riciños de ouro e os tres osos
• 31 de xaneiro: Queremos a paz!
• 14 de febreiro: O Entroido dos ratos
• 28 de febreiro: Os xoguetes dos ratos
• 13 de marzo: O ratiño presumido
• 27 de marzo: O caracol namorado
• 17 de abril: Les souris de la boite (en francés)
• 15 de maio: Fábulas
Lembrade que na Biblioteca Rego da Balsa tedes á vosa disposición a sección dos contos de Lonxedetodo, con todas as historias que os simpáticos roedores Fuco, Lilí, Carolina, Faifá e Pillo nos levan contado ao longo de tantos anos de amizade.