“A memoria do son” é unha iniciativa da Deputación de Lugo, que abre deste xeito unha liña de colaboración co Concello de Carballo
Carballo acolle ata o 10 de febreiro unha exposición única: A memoria do son. Esta mostra itinerante, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, compendia o resultado das investigacións sobre a música e instrumentos medievais que se desenvolveron no taller de instrumentos musicais do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad).
Oito instrumentos construídos a partir da iconografía do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela, do Pazo de Xelmírez, das cantigas de Alfonso X e das esculturas do Rei David son os protagonistas da mostra: unha ziga, unha rota, unha cítola, unha zanfona, unha viola de perna, unha viola de brazo e un organistro. Ademais, a exposición, comisariada por Luciano Pérez, complétase cun catálogo guía en varios idiomas, gravacións co son de cada instrumento, para descargar a través de códigos QR, e un salterio con tres partituras diferentes para que as persoas que visiten a mostra poidan tocalo e sentirse coma “trobadores medievais”, como apuntou Luciano Pérez.
O comisario da exposición e director da colección de Instrumentos Musicais do Centrad foi un dos participantes no acto de inauguración da mosta xunto coa concelleira de Cultura, Maruxa Suárez; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que agradeceu a elección do noso concello coma sede dunha exposición “excepcional” e amosou o seu desexo de que esta colaboración entre o Concello de Carballo e a Deputación de Lugo “sexa a primeira de moitas”. No vídeo atoparedes un resumo das intervencións.
A mostra pode visitarse ata o 10 de febreiro, de luns a sábado, de 17.00 a 21.00 horas, no andar -1 do Pazo da Cultura. Na inauguración estivo presente o director do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, Javier Bardanca, xa que a exposición constitúe un importantísimo elemento didáctico para os/as estudantes de música. De feito, para o día 29 deste mes ás 20.00 horas está prevista unha visita guiada para o alumnado do CMUS.