Saturday 16 de November de 2024

O Concello oferta 268 prazas nos diferentes programas de conciliación para as vacacións de Entroido


A concelleira de Educación, Míriam Louzao, anunciou esta mañá a apertura do prazo de inscrición para as 150 prazas do programa municipal de conciliación para as vacacións de Entroido 2024, que terán lugar os vindeiros días 12 13, 14 de febreiro. Dirixidas a nenos e nenas con idades comprendidas entres os 3 e os 12 anos, as actividades desenvolveranse nas instalacións do CEIP Quiroga Palacios e CEIP Monte dos Postes. A maiores, o Concello tamén oferta 73 prazas para o espazo de Lecer María Miramontes e outras 45 para os obradoiros nas Escolas Infantís Municipais.

O programa de conciliación para o Entroido desenvolverase os días 12, 13 e 14 de febreiro no CEIP Monte dos Postes e o CEIP Quiroga Palacios e contará cun total de 150 prazas dirixidas a nenos e nenas de 3 a 12 anos que estean empadroados en Santiago ou matriculados nalgún dos centros do concello.

Na rolda de prensa, Míriam Louzao explicou que se trata da “primeira vez que se organiza este programa desde o Concello” co obxectivo de “dar resposta a unha demanda histórica e recorrente da Federación de ANPAS de Compostela así como de moitas familias”. Tamén reiterou a intención por parte do Goberno municipal de poñer en marcha unha vez que os orzamentos sexan aprobados, un programa de conciliación anual, que faga que “as familias só teñan que inscribirse unha soa vez por curso e así non teñan que facer todo o proceso de solicitude e entrega de documentación en cada período de vacacións”.

As actividades, que xirarán arredor da festa do Entroido, desenvolveranse en horario de 9 a 14 h, ofrecendo ás familias a posibilidade do servizo de madrugadores con almorzo, desde as 7.45 ata as 9 horas e o servizo de comedor, entre as 14 e as 16 h. “Para as actividades serán 150 prazas, as mesmas que para comedor, mentres que para almorzo haberá un total de 70. De todas elas, 15 reservaranse sempre para nenos e nenas con informe do departamento de servizos sociais do Concello”, engadiu a concelleira.

O prezo para asistir ás actividades durantes estes 3 días será de 18 euros, engadindo 14 euros polo servizo de comedor e 5 polo de almorzo para aquelas familias que precisen estes servizos complementarios. O Concello faise cargo do 50% do custe real do programa para todas as familias. Ademais, aos prezos aplicaráselle unha bonificación do 50 ou do 100%, dependendo dos seus ingresos, ás familias que presenten unha situación económica deficitaria que pasarían a pagar a metade dos prezos xerais ou a non pagar nada.

Solicitude de prazas

O prazo de solicitude das prazas está aberto desde hoxe, 15 de xaneiro, ata este venres, día 19.

As solicitudes poderán presentarse a través da sede electrónica sede electrónica (trámite “Inscrición nos programas de conciliación do Departamento de Educación) ou de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4) ou mediante calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Ao respecto dos criterios de prioridade para a asignación de prazas, terán preferencia as persoas cun informe do Departamento de Servizos Sociais, seguidas polas familias nas que as persoas responsables dos nenos e nenas estean traballando no horario e datas do programa. Neste caso “é requisito imprescindible un certificado que acredite esta cuestión”, salientou a edila.

A listaxe de persoas admitidas e os prazos para realizar o pago será publicado na páxina web do Concello de Santiago (santiagodecompostela.gal). No caso de haber máis solicitudes que prazas, levarase a cabo un sorteo público.

Míriam Louzao tamén destacou que este ano, ademais do monitorado habitual, incluiranse “dous monitores de apoio en cada un dos centros para atender os nenos ou nenas con necesidades especiais e que teñan algunha discapacidade”, e recordou que neste programa poden “participar nenos e nenas que, tendo unha discapacidade maior do 33%, teñan capacidade de integración nun grupo e que as súas limitacións ou necesidades lles permitan participar e beneficiarse das actividades”

Escolas infantís e Vacaludos Nadal

Ao programa de conciliación de Entroido tamén se engaden as 73 prazas ofertadas para o espazo de lecer María Miramontes, así como as 45 prazas dos Obradoiros das Escolas Infantís Municipais de Conxo, As Fontiñas e Salgueiriños, dirixidas a nenos e nenas ata os 8 anos.