Friday 22 de November de 2024

O Concello primará a calidade na licitación do Servizo de Axuda no Fogar


O Concello ten aberta a contratación do servizo de axuda no fogar para persoas maiores e dependentes. O investimento previsto é de 2.071.000 euros anuais. Para garantir a calidade deste servizo público tan importante, nos criterios de adxudicación a proposta técnica terá unha puntuación de 60 puntos e a económica de 40.

Entre outras novidades, co novo contrato o Concello incrementa a asignación ás persoas contratadas de 18 euros/hora a 25,45 euros/hora –a Xunta só aporta 12 euros/hora-. Tamén se revisou á alza o desprazamento das traballadoras, pasando de 0,22 euros/km a 0,26.

Este servizo municipal consiste en ofrecer atención persoal para actividades básicas e instrumentais da vida diaria, outras de carácter psico-social e educativo así como servizos tipo cadeiras de rodas ou duchas, camas articuladas, podoloxía, fisioterapia ou perruquería, entre outros. Tamén prestan atención a distancia, como telemediciña, teleseguimento, teleasistencia e semellantes, así como viaxes en taxi, entre outras necesidades.

As persoas usuarias seguirán pagando en función á súa renda, aínda que na maior parte dos casos se seguirá bonificando o 100%.