Saturday 16 de November de 2024

A Xunta renova a súa colaboración coa coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños co fin de garantir a atención aos animais que varen na costa galega


— Entre as accións a desenvolver ao longo deste ano figuran a detección de animais que chegan con dificultades ao litoral, a prestación dos primeiros auxilios e dos coidados posteriores e, se procede, a identificación da causa da súa morte

— O ano pasado a Rede de varamentos de Galicia rexistrou un total de 573 exemplares de animais mariños —na súa grande maioría, cetáceos— no litoral da Comunidade

A Xunta de Galicia e a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) seguirán colaborando este ano na asistencia e recuperación dos animais varados no litoral galego.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da entidade, Xabier Pin, asinaron esta mañá un novo convenio para manter as accións que, desde hai dúas décadas, desenvolven de maneira conxunta ambas entidades co fin de garantir a conservación dos réptiles —en especial, das tartarugas— e mamíferos mariños que recalan nas costas de Galicia con algún tipo de dificultade.
Deste xeito, a Cemma comprométese a comunicar á Xunta a detección de episodios de varamentos de tartarugas e mamíferos mariños na costa galega; á prestación dos primeiros auxilios aos exemplares vivos, así como a súa posterior hospitalización, tratamento e alimentación; e no caso de falecemento, a identificación, se é posible, das causas da morte mediante os correspondentes exames e recollida de mostras.
A Vicepresidencia Segunda, pola súa parte, ocuparase do deseño e supervisión das propostas encamiñadas a asistir aos animais, en especial, aquelas que sexan necesarias para garantir o seu reingreso ao medio natural unha vez recuperados e achegará 15.000 euros para contribuír a financiar o traballo da Coordinadora.
A sinatura deste convenio enmárcase nas funcións que ten atribuídas o departamento autonómico para a defensa e promoción da conservación dos hábitats e especies en Galicia, así como ao estudo sobre o seu comportamento, as causas da perda de exemplares e as posibles medidas a adoptar que poidan reverter esta situación.
Neste sentido, a colaboración coa Cemma baséase na ampla traxectoria e experiencia que avalan en Galicia a esta organización sen ánimo de lucro, que vén participando activamente na asistencia aos animais varados nas costas da Comunidade e na súa recuperación ao abeiro dos sucesivos convenios asinados coa Xunta desde o ano 2003.
De feito, trátase da única entidade autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para xestionar e coordinar a Rede de varamentos de Galicia, xa que os animais tratados soen ser especies protexidas, o que require das pertinentes autorizacións.
Por iso, Ángeles Vázquez enmarcou a renovación do convenio no “gran traballo” que realiza a Cemma “a prol da investigación, da biodiversidade e da sociedade galega”, subliñando a importancia de que as administración se rodeen de organizacións como esta para complementar o seu labor.
Ano de récord e mensaxe de tranquilidade ante os pellets
Ao abeiro do anterior convenio coa Xunta, rexistráronse nas costas galegas durante 2023 —segundo datos recollidos ata o pasado 10 de decembro— un total de 573 animais varados ou en risco de varar. A inmensa maioría destes exemplares pertencían ao grupo dos cetáceos (un 94%) e dentro destes, máis da metade eran golfiños comúns aínda que tamén se detectou unha grande cantidade de delfínidos non identificados.
Tal e como explicou Xabier Pin, o 2023 foi “un ano de récord” xa que a “cantidade de varamentos” nas costas galegas superou “con moito a media dos últimos anos”. Neste sentido, explicou que probablemente estes datos non “teñan unha única explicación” senón que obedecen a “un cúmulo de causas” que haberá que analizar, como os cambios que se están producindo no medio e no clima así como se se trata dunha situación “local ou xeral”, e considerando un período de tempo máis longo para sacar conclusións.
Ao respecto e con relación á posible influencia na fauna mariña dos pellets plásticos que están a chegar ás costas galegas, o presidente de Cemma fixo un chamamento á tranquilidade e considerou que “este vertido moi probablemente non vai ter un impacto significativo nin de forma aguda” desde o punto de vista da fauna e, en particular, dos mamíferos mariños, que son “grandes bioacumuladores” do que hai no mar.
Neste sentido, explicou que se trata de partículas “de moi pequeno tamaño e dunha densidade moi escasa”, incidindo tamén en que o recente repunte de varamentos en Galicia “nada ten que ver” cos pellets.
“O mar está cheo de lixo, por desgracia”, declarou Pin, que fixo fincapé na necesidade de “concienciar á xente” sobre os plásticos, “que non forman parte de paisaxe natural” senón que “son un problema”.