Saturday 16 de November de 2024

A Biblioteca Municipal de San Sadurniño inicia o ano co propósito de incrementar a participación nos clubes de lectura


Deixar de fumar, facer algo de deporte, levar unha dieta equilibrada, aprender unha lingua… Son os típicos propósitos de ano novo que, moi ao noso pesar, poucas veces chegamos a cumprir a menos que alguén nos axude ou que o tomemos como un desafío. A eses propósitos de sempre, a Biblioteca Municipal de San Sadurniño engádelles o de devorar libros botándose a unha lectura pausada, profunda e reflexiva que nos faga esquecer tanto móbil, tanta televisión e tanto ruído como se oe ultimamente. Neste sentido, a axencia proponnos que nos unamos aos clubes de lectura para persoas adultas e rapazada, ademais de lanzarlle ao alumnado do CPI o reto de ler polo menos 15 libros até o mes de decembro.

A biblioteca municipal xuntou un grupo moi xeitoso de xente arredor do club de lectura de persoas adultas, do que xa forman parte 25 persoas que comparten tanto o seu amor pola lectura como a gana de socializar coa escusa dos libros, ademais de debater e expor distintos puntos de vista sobre o que se le en cada momento.

Porén, a axencia de lectura de San Sadurniño quere que o club siga medrando e por iso, aproveitando que o arranque do ano sempre é momento de bos propósitos, volve lanzar o convite para que se una máis xente. Abonda con contactar coa bibliotecaria enviándolle un correo a anaigamer@gmail.com ou unha mensaxe directa a través da páxina en Facebook “Lendo en San Sadurniño”. Tamén se pode pasar pola biblioteca de luns a venres en horario de tarde.

Ademais de seguir medrando en lectoras e lectores críticos, a biblioteca municipal tamén ten previsto saír do espazo da Casa da Cultura para achegarse tanto ao Centro de Día como á residencia Suacasa, co obxectivo de enganchar na lectura ás avoas e avós de ambos servizos. Un labor co que, segundo Anabel Gavín, tamén se pretende “que eles expresen a súa sabedoría e experiencia” conversando arredor dos libros ou parolando sobre contos e vivencias.

No mesmo sentido, a Biblioteca municipal de San Sadurniño tamén seguirá traballando coa comunidade escolar ao longo deste 2024. Unha das liñas de dinamización será a programación de distintos espectáculos a través de Ler Conta Moito, que vén sendo unha rede cultural da Xunta para as bibliotecas públicas cunha ampla oferta de música, escénicas e obradoiros.

Segundo Gavín, estes espectáculos combinaranse cun traballo diario no que se lle proporán á rapazada actividades “que mesturen lectura, imaxinación, escritura, creatividade e tecnoloxía para crear unha experiencia de aprendizaxe moito máis completa e enriquecedora”.

O cine, os audiolibros, os libros electrónicos, a banda deseñada e, por suposto, os libros en papel, serán as ferramentas principais dun proxecto que, ademais, tamén lles lanza ás nenas e nenos o reto de completar a lectura de 15 obras -as que queiran- de aquí ao mes de decembro. Todas aquelas rapazas e rapaces que o consigan entrarán no sorteo de varios agasallos.