Friday 22 de November de 2024

A Biblioteca Municipal consolida a súa transcendencia en Ortigueira cun incremento do 96% nos visitantes durante o 2023


• O centro Juan Fernández Latorre rexistrou máis de 12.000 visitantes durante o pasado ano

• Ademais, o volume de fondos apenas decaeu a pesar do expurgo de libros e os préstamos creceron case un 50%

A Biblioteca Municipal de Ortigueira ‘Juan Fernández Latorre’ consolida a súa transcendencia no municipio. Así se desprende dos datos recolleitos polo propio centro durante o ano 2023, no que certificou un incremento do 96% nos seus visitantes con respecto ao 2022.
Concretamente, durante o ano que acaba de finalizar, a Biblioteca Municipal rexistrou 12.007 visitantes, o que equivale a unha media de 49 persoas ao día. Trátase dun díxito que practicamente duplica ao dato de 2022 (6.095 persoas, 28 ao día), aínda que cabe lembrar que durante aquel ano, o centro literario estivo en obras -polo que pechou máis días dos habituais- e tivo nalgúns momentos horario reducido.
A maiores, a Biblioteca Municipal rexistrou no 2023 un total de 11.721 préstamos. Deles, 7.189 foron a usuarios ou usuarias adultos e 4.424 a infantís. O dato é un 49% superior ao do 2022 (7.867 préstamos totais).
Por categorías, os libros foron os máis demandados, con 9.425 préstamos. Mentres, os socios e socias alugaron 1.955 obras de cinema. 233 recursos doutro tipo completaron a folla de préstamos.
Por último, o centro Juan Fernández Latorre pechou o ano con 38.452 fondos. Durante o 2023 adquiriu 1.078 novos libros, 120 recursos cinematográficos e 228 cualificados como “outros”. O catálogo dispoñible é algo inferior ao do 2022 (38.520 recursos), xa que nos últimos meses realizouse un amplo labor de expurgo de libros deteriorados e obsoletos.