Friday 22 de November de 2024

O escritor Antonio Polo presenta este venres Neda o seu novo poemario La vida en las calles/ A vida nas rúas


O cita co autor, veciño da localidade dende hai varios anos, terá lugar na Casa das Palmeiras

A Casa das palmeiras acollerá este venres, a partir das 19 horas, a presentación en Neda do novo libro de Antonio Polo González. O autor gaditano, afincado dende hai uns anos na vila, vén de publicar o poemario La vida en las calles/ A vida nas rúas.
O escritor e fundador da Revista Cultural Ariadna, unha das publicacións literarias online máis veteranas do país, presenta nesta obra unha colección de poemas inspirados en rúas que, polo que sexa, lle chamaron a atención, tanto da súa cidade natal como de Galicia.
Trátase dun traballo que arrincou xusto cando estourou a pandemia de covid, e que finalizou xa afincado na Cobeluda, en Neda, onde chegou no ano 2021, quedando impactado pola paisaxe de Galicia, non só polo verde e pola súa costa senón tamén pola paisaxe rural de pequenos núcleos diseminados.
O pintor José Ángel Fernández Colón, e o filósofo Juan Alberto Sucasas acompañarán na presentación literaria deste venres a Antonio Polo, gañador do Premio de Poesía «Hernán Esquío» 2022, outorgado pola Sociedad Artística Ferrolana.
Con La vida en las calles/A vida nas rúas, o autor, que ten participado en proxectos colectivas de poesía e de relatos como Quince líneas e Lavapiés e ten publicado libros como La vida en Hermenauta, A los cuatro vientos, Huevos revueltos ou Volutas de humo, iníciase na escrita en galego. Así, a veintena de poemas que integran a publicación aparecen recollidos en castelán e na súa versión na lingua propia da nosa terra.
Antonio Polo González, director do club de lectura da Universidade Sénior da Coruña e integrante do de Neda, está inmerso xa na escritura dun poemario inspirado na auga.