Os establecementos interesados poderán formalizar a súa participación ata este mércores, 17 de febreiro
As IX Xornadas Lacónicas realizaranse do 8 de febreiro ao 3 de marzo e ofrecerán menús especiais de lacón con grelos en diferentes establecementos hostaleiros da cidade. Este evento organizado polo Concello da Coruña a través da súa Área de Fomento e Promoción da Cidade contribúe cada ano a dinamizar cada ano o Entroido na Coruña e exaltar ao mesmo tempo a riqueza gastronómica desta época.
A inscrición para que os restaurantes e locais de hostalería interesados poidan participar está aberta ata este mércores, 17 de febreiro, ás 14.00 horas. Poderán participar ata un máximo de 40 establecementos e a inscrición será de balde. As solicitudes serán enviadas por formulario en liña, que poderán solicitar por correo electrónico (xornadaslaconicas@gmail.com). Para máis información, poderase contactar cos seguintes números de teléfono: 639 155 247 e 636 447 574.
Os pratos deberán estar elaborados principalmente con produtos galegos e de quilómetro cero e os menús estarán compostos de sopa ou similar, lacoada, filloas ou orellas, bebida e café. O prezo do menú deberá estar comprendido entre os 20 e os 40 euros por persoa e deberase ofrecer un servizo sostible en caso de contar con opción de servizo a domicilio ou para recoller no establecemento.
O Goberno de Inés Rey continúa apostando pola dinamización dunha das celebracións máis vencelladas á cidade como é o Entroido, ofrecendo aos establecemento hostaleiros formar parte activa da tradición gastronómica vinculada a esas celebracións a través das xornadas Lacónicas.