Friday 22 de November de 2024

A Xunta destina preto de catro millóns de euros ao fomento da promoción da igualdade nos concellos galegos


O DOG publica a resolución dunhas axudas para programas de fomento conciliación, prevención da violencia de xénero e apoio aos CIM

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade 2015, que este ano achegan preto de catro millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

Esta liña de axudas distribúense en tres liñas de actuación: Programas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e apoio aos Centros de Información ás mulleres (CIM).

A liña de axudas para programas de fomento da conciliación engloba as medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras; como por exemplo os bancos de tempo.

A segunda liña, á destinada á prevención e tratamento integral da violencia de xénero, inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e coas persoas dependentes das vítimas; así com actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.

Por último, o programa de apoio aos Centros de Información da Muller ten coma obxectivo reforzar a funcionalidade destes centros e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles.

Coa resolución destas axudas, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende por en valor o papel relevante das entidades locais na difusión do valor da igualdade e transmitir a coordinación e colaboración existente entre as administracións autonómica e a local.

Para o Goberno galego as entidades locais son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, ao tratarse das administración máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciños e veciñas.

A convocatoria, como vén sendo habitual, primou os proxectos de xestión compartida e priorizou todas aquelas solicitudes que foron presentadas por agrupacións de concellos e mancomunidades.