Monday 25 de November de 2024

A función As vellas non deben namorarse representarase no Elma no 21 de xaneiro


Teatro Airiños, de Rianxo, levará ás táboas do Elma a función As vellas non deben de namorarse, no 21 de xaneiro, ás 19.00 horas. Este é un cambio que se produce no cartel do ciclo de teatro afeccionado, pois a compañía prevista para esa xornada tivo que suspende-la función por motivos de saúde dunha das actrices principais.
Esta mostra chega á Pobra do Caramiñal coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, que, nas palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo, “nace coa vocación de acoller compañías amateur con propostas nas cales o humor é a tónica imperante.”
Esta segunda sesión é unha adaptación do xa clásico texto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, feita por Amantia Coello, que lle dá unha orixinal volta á peza. O resultado proporciona un xiro curioso e divertido en que, respectando a esencia de Castelao e sen forza-lo cambio, xorden historias de amor e desamor dende unha nova perspectiva. Presenta, polo tanto, a historia de tres vellas que se namoran de persoas moito máis novas e a dramática consecuencia que estes amores terán para elas. Enredos contados nun contexto que busca a converxencia que define na actualidade a Galicia coa tradición.
A entrada é libre ata completa-la cabida.