Unha acción formativa en materia medioambiental arrancou na Pobra do Caramiñal na fin de semana con Carme Freire Cruces como formadora: os cursos de poda e de enxerto das árbores froiteiras.
O concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, destaca a boa aceptación, un ano máis, desta acción, pois a totalidade das prazas ofertadas esgotáronse pouco despois da súa presentación. Engade que esta é unha aposta da Concellaría do Medio Ambiente por, ademais dos habituais traballos de xestión de biomasa e residuos e control de verteduras, “capacita-la veciñanza no coidado das súas hortas para un correcto desenvolvemento das árbores froiteiras.”
A cuarta convocatoria do curso de poda iniciouse coa parte teórica no 13 de xaneiro, se ben os coñecementos non se puideron levar ao terreo nesa mesma tarde, tal e como estaba previsto inicialmente, debido á chuvia da xornada. Deste xeito, a nova data para a poda en seco de froiteiras de óso e de pebida en parcelas será na tarde do 25 de febreiro. A práctica continuará no 11 de maio, coa poda en verde, e no 31 de agosto coa poda de cerdeiras.
Este itinerario formativo tamén se compón da segunda edición do curso de enxerto, o cal arrancará no 3 de febreiro cunha clase teórica e outra práctica. Esta última clase práctica terá continuidade no 31 de agosto.