Friday 22 de November de 2024

A Xunta executa actuacións de limpeza nos treitos interurbanos de dous ríos no concello de Carral


― Os traballos estanse a desenvolver no rego do Pozo Negro e nun río innominado, nos seus percorridos pola parroquia de Santo Estevo de Paleo

― Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude que rolda os 700 metros

― As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

― O obxectivo destas intervencións é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do rego do Pozo Negro e nun río innominado no concello de Carral.

Estas intervencións estanse a desenvolver nos percorridos destes ríos ao seu paso pola parroquia de Santo Estevo de Paleo.

As actuacións desenvólvense en distintos treitos que suman unha lonxitude total que rolda os 700 metros.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e as súas zonas de acceso e protección.

Os traballos contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.