Xa dispoñibles as entradas para a segunda función tras o éxito de vendas da primeira
O Teatro Colón acollerá o vindeiro sábado 27 de xaneiro unha dobre sesión do espectáculo ‘Noites de retranca’, que reunirá sobre o escenario a tres dos cómicos máis recoñecidos do panorama galego: Luis Zahera, Manuel Manquiña e Oswaldo Digón. Tras o éxito de vendas da primeira sesión, prevista para as 20.00 horas, xa están dispoñibles as entradas para o segundo pase, ás 22.30 horas.
‘Noites de retranca’ é un dos espectáculos consagrados dentro da programación anual do Teatro Colón, acumulando numerosas sesións cunha grande afluencia de público pola alta calidade dos seus monólogos. Nesta ocasión, conmemorarase o XIV aniversario deste formato producido por Rababiero Promocións Artísticas.
Co regreso ao Teatro Colón de ‘Noites de retranca’, o Goberno de Inés Rey segue apostando por espectáculos de grande éxito entre os coruñeses e coruñesas, que completan unha programación cultural chea de citas exclusivas na cidade como o Encontro Mundial de Humorismo (EMHU).
As entradas pódense mercar en liña a través da plataforma Ataquilla e en formato físico no despacho de billetes do propio Teatro Colón ou no despacho de billetes da praza de Ourense.
O prezo do espectáculo vai de 18 a 25 euros.