A folga declarouse despois de varias semanas de protestas e da entrada da empresa nun ERTE
O BNG insistiu e seguirá insistindo na urxencia de licitar todos os contratos caducados de servizos públicos
Trala convocatoria de folga das persoas traballadoras dos servizos de limpeza no Concello de Culleredo, os interrogantes non fan máis que xurdir e continúan sen ter resposta. É por iso que o BNG de Culleredo, xunto co Grupo Municipal de Alternativa dos Veciños, solicitou a convocatoria urxente e extraordinaria da Comisión de Presidencia para informar con detalle dos pasos que se teñen dado para a licitación dos contratos.
Entre outras cuestións que precisan de aclaración, o BNG solicita tratar en Comisión a motivación e razoamento dos servizos mínimos establecidos ou a relación de facturas presentadas pola empresa e os reparos formulados pola intervención nos últimos catro anos, entre outros puntos.
É necesario coñecer tamén o contido das xuntanzas mantidas polo Concello de Culleredo co Comité de Empresa. Tamén se solicita información sobre as denuncias presentadas por Jardincelas nos Xulgados do Contencioso-Administrativo.
O BNG segue urxindo á licitación dos servizos municipais básicos cuxo contrato está caducado, como son a subministración de auga potábel, o de xardinaria, o de atención domiciliaria de servizos sociais, ou os da limpeza viaria ou o de limpeza de edificios, locais, colexios e instalacións municipais. Todos estes servizos sen contrato representan millóns de euros anuais que se pagan irregularmente e que derivan en servizos precarios e ineficientes, tanto na prestación do servizo como desde o punto de vista económico.
Nos últimos mandatos municipais o BNG ven incidindo na cuestión constantemente, con peticións explícitas para que o goberno local elabore os pregos correspondentes inmediatamente, mais nos últimos 6 anos como Alcalde, Rioboo non deu paso algún para dotar de legalidade a prestación destes servizos.