Friday 22 de November de 2024

O turismo internacional acada en Galicia un máximo histórico no conxunto da demanda


O incremento de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros galegos ata novembro foi do 12%, rexistrando a Comunidade máis de 3,8 millóns, un máximo histórico para Galicia

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de novembro Galicia experimentou un incremento do 5,8% na cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, rexistrando un total de 197.661.

Trátase do cuarto ano consecutivo no que Galicia rexistra un incremento dos niveis de viaxeiros aloxados en hoteis no mes de novembro.

A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, mellorando a súa cifra de viaxeiros aloxados nun 7,5%.

En termos de mercado, a Comunidade galega rexistrou un comportamento homoxéneo nos tres grandes segmentos, con incrementos de diversa intensidade. Dunha banda, o turismo interno -aquel que corresponde aos residentes en Galicia- rexistrou un incremento dun 2,3% en relación ao ano pasado.

O turismo receptor nacional -españois procedentes do resto de España- subiu nun 3,2% acadando un total de 88.802 viaxeiros.

Pola súa parte, o turismo internacional continuou a senda de crecemento dos últimos anos marcando novamente un máximo histórico en Galicia neste mes de novembro con 37.161 viaxeiros aloxados e 64.920 pernoitas, superando estas cifras nun 21% e 12,9%, respectivamente, os niveis do pasado ano. Estes datos supoñen que o mercado internacional representase neste pasado mes o 18,8% do total dos viaxeiros e o 17,5% das noites hoteleiras de Galicia.

En canto aos niveis de ocupación do sector hoteleiro, Galicia rexistrou tamén unha mellora en relación ao pasado ano, ao incrementarse a mesma en 0,10 puntos porcentuais.

Tamén as tarifas hoteleiras en Galicia subiron no mes de novembro, nun 4% neste caso.

A mellora dos niveis de demanda e ocupación neste mes de novembro, acontecida nun contexto de suba dos prezos hoteleiros, permitiu aos establecementos hoteleiros da comunidade incrementar os niveis de rendibilidade en relación ao mesmo mes de 2014 -o RevPAR subiu un 7,6%-.

Acumulado do ano
No primeiros once meses do ano Galicia rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade do 12% en relación ao pasado ano, rexistrando máis de 3,8 millóns. Melloraron tamén as pernoitas incrementándose un 8,4% neste caso e rexistrando máis de 7,3 millóns neste período.

É o terceiro ano consecutivo no que a Comunidade rexistra un incremento da demanda neste período de once meses, circunstancia que leva a que Galicia rexistre no acumulado de 2015 un máximo histórico de viaxeiros aloxados. Así mesmo, en termos de pernoitas Galicia acadou neste período a cifra máis elevada dos últimos cinco anos.

O crecemento da demanda nestes últimos tres anos acontece ademais cunha intensidade cada vez maior, sendo do 1,7% en 2013, do 5,3% en 2014 e do 8,4% agora en 2015. A recuperación está consolidada e Galicia marca neste ano, ata o mes de novembro, unha senda de continuidade que leva a rexistrar máximos históricos.

O turismo interno creceu nestes once primeiros meses do ano nun 1,6%, incrementando os seus viaxeiros aloxados nun 7,3%.

O turismo receptor nacional incrementouse nun 9,2% mentres que o internacional subiu un 14,3%, porcentaxes que se incrementan ata o 11,0% e o 18,2% respectivamente no relativo aos viaxeiros aloxados.

O notable incremento do turismo internacional levou consigo que este mercado acadase un máximo histórico tanto de volume –con 1,12 millóns de viaxeiros aloxados e 1,76 millóns de pernoitas- como de peso no conxunto da demanda –supoñendo o 29% dos viaxeiros e o 24% das pernoitas-.

Como consecuencia da mellora dos volumes de demanda os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloraron en relación ao pasado ano, en preto de tres puntos porcentuais, ata situarse na cifra máis elevada dos últimos cinco anos.