As funcións, que terán lugar entre o Fórum Metropolitano e o Teatro Rosalía de Castro, serán interpretadas por compañías como Baobab ou Nauta, así como por artistas como Soledad Felloza e Paula Carballeira
O Concello da Coruña, a través da Área de Fomento e Promoción da Cidade, abrirá o vindeiro luns 15 o prazo de inscrición na programación de primavera do ciclo ‘Todo público: teatro para centros escolares’.
A través desta iniciativa, que inclúe once espectáculos ideados tanto para as crianzas como para o público adulto, o Goberno de Inés Rey busca achegar ás artes escénicas ao alumnado en idade de educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato, así como as persoas que cursan estudos de formación profesional.
A programación comezará o 26 de xaneiro e rematará o 20 de maio. A compañía galega Souvenir será a encargada de abrir a quenda de espectáculos. Será no Teatro Rosalía de Castro, con ‘Non é unha canción’. Porén, a práctica totalidade das funcións previstas terán lugar no Fórum Metropolitano, onde actuarán agrupacións e compañías como Baobab Teatro, Nauta, Producións Teatrais Excéntricas, Xampatito Pato, Big Bouncers, La Zafirina e a Companyia de Comediants La Baldufa. Ademais, tamén haberá espectáculos protagonizados por Soledad Felloza e Paula Carballeira.
A inscrición, a través da páxina web do Concello
A partir deste luns 15 de xaneiro, habilitarase na web do Concello o formulario en liña necesario para cubrir a inscrición dos centros escolares situados no termo municipal da Coruña. Xa o mércores 17, abrirase a inscrición correspondente aos centros educativos doutros municipios.
Cómpre lembrar que o formulario estará dispoñible desde o propio luns 15, e poderase acceder a el a través desta ligazón.
O sistema de inscrición funciona exactamente como un despacho de billetes en formato presencial. As prazas adxudicaranse automaticamente por rigorosa orde de petición, e serán confirmadas posteriormente por correo electrónico, incluíndo os avisos dos prazos para o aboamento das entradas.
A capacidade máxima prevista para cada espectáculo será de 300 persoas, incluíndo o profesorado.