Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño entrega as cestas de “Polo Nadal, consumo local”


Os agasallos estaban cheos de alimentos de calidade, case todos producidos dentro do territorio do Xeoparque do Cabo Ortegal

Os lotes tamén incluían produtos de Bieiteiras, Ay Carmen! e Lúa de Dexo, as tres primeiras marcas que comercializan elaboracións saídas do centro A Fusquenlla

José Manuel Picos, Zulmira da Assunçao Braz, José Iglesias, Mª Cruz Bouza, David José Peredo, Manuel Pardo, María Elena López, Amparo Casal, Carmen Otero e América García. Eses son os dez nomes que resultaron premiados na campaña de dinamización do comercio “Polo Nadal, consumo local”. O sorteo efectuouse antonte pola mañá e hoxe mesmo, pouco despois das dúas da tarde, entregáronse os lotes da rifa, todos eles cheos de alimentos galegos, boa parte deles elaborados no territorio Xeoparque.

O concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, destacou precisamente que o contido das cestas estivese protagonizado por alimentos artesáns e que entre eles se contasen “os tres primeiros produtos saídos ao mercado desde o centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla: o zume de mazá e o tomate confeitado Bieiteiras, os pementos confeitados Ay Carmen! e o kétchup Lúa de Dexo”, enumerou o edil.

Porén, a maiores, nas seis cestas valoradas en 50€ e nas catro de 100€ entregadas hoxe tamén se podían atopar as marcas locais Queixos Brigantia e Queixo O Casal, Requeixo de Bardaos, Galletas Maruxas de Nata e Mel Abella Mestra, xunto coas delicadezas de atún e mexillóns envasadas en Cariño por conservas La Pureza.

“Os lotes máis pequenos, os de 50€, eran todos de produto da zona. E as cestas grandes, valoradas en 100€, tamén levabana maiores algúns produtos galegos máis, como unha sangría de sidra e un marmelo Val de Traba, sal artesá con sabores da Ulla ou café Amador. Con todo, os lotes fixéronse maioritariamente con produto de San Sadurniño, da Fusquenlla e, polo tanto, do Xeoparque do Cabo Ortegal. As cestas son un pequeno mostrario do que se está facendo na nosa zona para poñer en valor os nosos produtos, pero tamén un exemplo de como podemos recuperar a nosa soberanía alimentaria”, comenta Varela.

Coa entrega dos lotes de produto concluiu a campaña de dinamización do comercio e os servizos “Polo Nadal, consumo local”. Na iniciativa participaron preto de corenta establecementos de San Sadurniño que repartiron entre a súa clientela arredor de 15.000 papeletas.