Friday 22 de November de 2024

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria e o alcalde de Boqueixón visitan a segunda casa do maior do municipio


O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, visitaron hoxe a nova casa do maior do municipio, que entrou en funcionamento esta mesma semana e que xa conta cos seus dous primeiros usuarios. Unha visita na que estiveron guiados pola promotora da iniciativa, Beatriz Mella Pazos, e pola concelleira de Servizos Sociais, Ángela Conde.

Antón Acevedo destacou a importancia que teñen estes recursos como punto de encontro para as persoas maiores e nos que reciben de maneira gratuíta atención sociosanitaria. No ano 2018 puxéronse en marcha as primeiras casas do maior e desde entón concedéronse axudas para a creación de 125 centros deste tipo por toda a comunidade.

Pola súa banda, Ovidio Rodeiro, amosouse convencido do éxito desta iniciativa posta en marcha na parroquia de Vigo e salientou que “xa temos máis persoas interesadas en poñer en marcha algunha casa do maior máis noutras parroquias, uns puntos de encontro para os nosos maiores que de seguro serán moi ben recibidas”.

Dúas casas do maior

A Casa do Maior de Carabán está localizada no lugar de Carabán, parroquia de Vigo (Boqueixón) e foi promovida por Beatriz Mella Pazos, quen construíu un local de planta baixa a carón da súa vivenda. Unha instalación que conta con dous baños adaptados, un deles con servizo de ducha, cociña, calefacción centralizada e unha ampla sala de estar con dous sofás e dúas mesas, unha para xantar e outra para os diversos xogos dos que dispón o local.

A Casa do Maior de Carabán é a segunda que se pon en marcha en Boqueixón, xa que a principios de 2021 a emprendedora Marta Renda Guillán puxo en marcha a casa do maior Lodeiro, na veciña parroquia de Loureda. Nese caso, a casa do maior está emprazada nunha vivenda que foi especialmente adaptada para a súa utilización como casa do maior.

En ambos os dous casos, dispoñen de 5 prazas (ben cinco persoas a tempo completo de 8 horas ou incluír xente a tempo parcial de 4 horas). No caso da Casa Lodeiro xa conta coas cinco persoas usuarias, mentres que a Casa Carabán abriu a súas portas con dúas persoas usuarias a tempo parcial. Poden acceder a estes servizos persoas de mais de 60 anos, tendo preferencia aquelas que teñan recoñecidos graos I ou II de Dependencia. O prezo é totalmente de balde, tanto do servizo como do desprazamento, financiado pola Consellería de Política Social. O xantar ten un prezo de 5 euros. O seu horario de atención é diúrno, durante 8 horas de luns a venres.

Os Servizos Sociais de Boqueixón serán os encargados de tramitar as solicitudes de praza na nova casa do maior, polo que as persoas interesadas en obter máis información poden chamar ao 981 513 106.