Preto de 2.000 persoas participaron na tradicional Cabalgata e Festa de Reis do Concello de Oroso. O frío da tarde, con refachos de fortes choiva, foi compensado coa ilusión dos meniños, que acudiron a ver o desfile da comitiva de Melchor, Gaspar e Baltasar polas rúas de Sigüeiro, moitos deles mesmo acompañando ás Súas Maxestades ben nas súas carrozas, ben a bordo dun tren habilitado para a ocasión.
Unha forte tromba de auga fixo que os Reis atrasaran a súa chegada á praza Isaac Díaz Pardo, onde foron recibidos pola corporación municipal encabezada polo alcalde Manuel Mirás. Os reis chegaron precedidos por un grupo de xinetes, membros do Club Hípico Amazonas e Cabaleiros de Oroso, e acompañados por nenos e nenas vestidos de pastorciños, aproveitando unha media hora na que escampou.
Xa no polideportivo municipal, ateigado ata os topes de pequenos e maiores, Manuel Mirás agradeceu a gran participación dos veciños nas actividades culturais e deportivas do municipio e desexoulles o mellor de cara a este ano que comeza. De seguido, Melchor, Gaspar e Baltasar comezaron a atender un a un a todos os cativos, axudados polos grupos de paxes dos centros educativos do municipio e identificados por cores, de forma que se atendeu primeiro aos máis pequenos mentres o resto gozaba dos inchables e dun karaoke. Á vez, iniciouse unha gran festa infantil no propio pavillón, con inchables, música e xogos.