O Concello de Neda adxudicou por 79.348 euros as obras de apertura dunha vía planificada entre o Camiño Vello e o lugar de A Bacela (zona de Xuvia). O acceso peonil sen pavimentar existente ata o de agora dará paso a unha nova estrada nuns terreos cedidos á administración local. A pista, cun total de 53,5 metros de lonxitude, dará servizo ás novas vivendas que se van construír na zona.
A firma SYR-AMG, S.L será a encargada de levar a cabo a intervención que, ademais da escavación e desmonte da caixa da vía, cuns 8,50 metros de ancho, incluirá a súa pavimentación, mediante aglomerado en quente, e a implantación de servizos urbanísticos xerais. Así, dotarase de saneamento e abastecemento de auga, electricidade, alumeado público e telecomunicacións.
A actuación financiarase con cargo ao POS Adicional, mellorando o acceso a unha zona na que se vai edificar. De feito, o Concello dispón dos terreos para abrir o camiño, froito das cesións obrigatorias derivadas da obtención de licenzas urbanísticas para a construción de vivendas unifamiliares nas fincas contiguas.