Friday 22 de November de 2024

O Concello de Boqueixón colabora coa Romaría do Pico Sacro na honra a San Sebastián e organiza dúas visitas guiadas ao Monte Ilicino


O Concello de Boqueixón organiza dúas visitas guiadas e gratuítas ao Pico Sacro, que terán lugar na mañá do sábado 20 de xaneiro coincidindo coa celebración da Romaría do Pico Sacro na honra a San Sebastián, que organiza a Comisión de Festas da Granxa. Unha actividade para a que é preciso anotarse previamente chamando ao Departamento de Emprego, Formación e Turismo de Boqueixón (981 513 061) ou enviando un e-mail a boqueixonturismo@gmail.com.

As visitas ao Pico Sacro terán lugar ás 12:00 e ás 13:00 horas do sábado 20 de xaneiro. Terán unha duración de menos dunha hora e o punto de encontro será o aparcadoiro do Monte Ilicino. O cumio do Pico Sacro elévase maxestosamente sobre o val do Ulla alcanzando os 533 metros sobre o nivel do mar, o que permite unha das vistas panorámicas de maior extensión de Galicia. Ademais de ser unha peculiar montaña de cuarzo, é un monte de lenda pola súa vinculación á Traslatio dos restos do Apóstolo Santiago desde Palestina ata Compostela.

Paralelamente ás visitas, na contorna da capela de San Sebastián a Comisión de Festas da Granxa organiza unha nova edición da Romaría do Pico Sacro na honra a San Sebastián. Haberá misa na capela de San Sebastián ás 10:00, 11:00 e 12:00 horas. No exterior haberá polbo, churrasco e doces, todo ambientado coa música do grupo “No Deloiro”, da asociación cultural Mestre Manuel Gacio.