As bases de todas as modalidades xa están dispoñibles na páxina web municipal e a inscripción para participar nelas ábrese mañá
O Concello da Coruña, a través da súa Área de Fomento e Promoción da Cidade, abrirá mañá a inscrición nos diferentes concursos do Entroido 2024.
As bases para participar nos certames de comparsas, carrozas e choqueiros xa están dispoñibles na páxina web municipal para as persoas interesadas. Repartiranse máis de 30 premios en total, cun importe máximo de 20.000 euros.
Os concursos abranguen a competición de comparsas (en dúas modalidades: música e letra; e vestiario, coreografía e orixinalidade); a de carrozas; o concurso infantil de disfraces (en dúas modalidades: individual; e en grupo); e o concurso de choqueiras e choqueiros, que tamén se desenvolverá baixo un dobre formato, ideado tanto para adultos como en categoría infantil. O prazo de presentación de solicitudes de participación, no caso dos concursos de comparsas e carrozas, é de dez días naturais, que se contarán a partir deste sábado 13 de xaneiro.
O Goberno de Inés Rey busca potenciar coa celebración do Entroido as tradicións locais, impulsando unhas das citas máis relevantes do calendario festivo coruñés e organizando diversas actividades para eses días.
Concursos de comparsas e carrozas
Por unha banda, as bases para as dúas modalidades do concurso de comparsas (música e letra; e vestiario, coreografía e orixinalidade) establecen que poderán formar parte del aquelas persoas ou entidades, con agrupacións dun mínimo de 10 participantes disfrazados para a ocasión, que efectúen previamente a súa inscrición mediante o envío dun correo electrónico a entroido.imce@coruna.es, ou mediante a súa presentación nas oficinas do IMCE (Avenida da Mariña, 18).
O concurso resolverase nun festival que se realizará a primeira fin de semana de febreiro e será anunciado nas vindeiras semanas. O venres 9 (21.00 horas), a comparsa gañadora terá que interpretar dúas cancións do concurso no acto de entronización do Deus Momo que terá lugar no Obelisco.
No caso do concurso de carrozas, o procedemento ábrese ás persoas e entidades que, tras efectuar o procedemento indicado anteriormente, se comprometan a construír unha carroza e a asistir con ela ao desfile de carrozas e comparsas que percorrerá o Cantón Pequeno, ata a praza de María Pita, o sábado 10 de febreiro, a partir das 17.30 horas.
O Concello establecerá un mínimo de cinco premios en metálico para as modalidades de comparsas na categoría de vestiario, coreografía e orixinalidade, e carrozas. Os premios oscilan entre os 500 e 1.500 euros en función do posto final, ademais de premios á orixinalidade e accésits. Por outra banda, na modalidade de música e baile haberá tres premios de 1.600, 1.250 e 800 euros para as tres primeiras comparsas.
Os concursos infantís de disfraces e de choqueiros
No caso do concurso infantil de disfraces de Entroido, poderanse presentar todas as nenas e nenos que se inscriban o mesmo día da celebración (martes 13 de febreiro, desde as 17.00 horas, no Campo da Leña). A localización prevista é susceptible de variacións en función das condicións meteorolóxicas, e sería notificada, en tal caso, a través das canles oficiais do Concello.
No concurso infantil de disfraces, con dúas modalidades (individual; e en grupo) poderán participar as nenas e nenos nados despois do 31 de decembro de 2011. Poderase participar nunha única modalidade.
Os premios, con tres gañadores tanto na modalidade individual como na grupal, oscilarán entre os 50 e 150 euros, valedeiros para lotes de libros de literatura infantil.