Desde o 1 de xaneiro, a veciñanza residente nestes puntos do municipio padernés pode solicitar o enganche
A acometida levarase a cabo unha vez se abone a liquidación das taxas, segundo o recollido na Ordenanza Municipal
A veciñanza de Obre e Paderne comeza o ano 2024 cun novo servizo. O Concello de Paderne vén de concretar a infraestrutura de traída de auga potable ao seu paso por esas parroquias, polo que os residentes nelas poden contar co enganche á rede se así o solicitan.
Deste xeito, as veciñas e veciños que desexen contar con servizo municipal de auga potable nas súas residencias, tan só deberán presentar a correspondente solicitude nas oficinas municipais ou ben trasladala a través da Sede Electrónica.
Unha vez se reciba a petición nas oficinas do Concello, remitirase a liquidación das taxas segundo o recollido na Ordenanza Municipal no apartado de subministro e utilización de auga potable.
Tras o ingreso do importe correspondente, o Concello de Paderne procederá a facer efectiva a acometida solicitada, co que a vivenda en cuestión pasará a dispor do servizo de auga potable.
Con esta ampliación das zonas con traídas de auga potable, o Concello de Paderne suma Obre e Paderne a Adragonte, Quintas, Souto e Velouzás, que contaban antes deste inicio do 2024 coa posibilidade de enganchar á traída.
“Seguimos traballando para mellorar a vida da veciñanza de Paderne con servizos útiles para o día a día. Transformar o Concello nun lugar co maior número de facilidades e posibilidades é chave para xerar sentimento de pertinencia e fomentar o asentamento da poboación”, destaca o alcalde, Sergio Platas.