Friday 22 de November de 2024

Empanadería Cantón gaña o Concurso de escaparatismo de Nadal 23-24


• O local situado na Rúa Luciano Pita leva, ademais do recoñecemento, 250 euros pola súa decoración do Nadal

• O primeiro clasificado obtivo 23 puntos do xurado, 4 máis que o segundo clasificado, que foi Multiprecios Ortigueira

Empanadería Cantón é a sucesora de Florería Xunco no Concurso de escaparatismo de Nadal. O local situado na Rúa Luciano Pita resultou o gañador da edición 23-24 do certame do Nadal organizado polo Concello de Ortigueira.
Empanadería Cantón levou 23 puntos -o máximo é 25- do xurado composto pola concelleira de Patrimonio e Turismo, Isabel Rego; a edil de Cultura, Educación e Saúde, Ana Cartelle; o técnico municipal do Departamento de Cultura, Fran Rivera; a representante de ACO, Cristina Yáñez; e a representante do comercio ortigueirés e última gañadora con Florería Xunco, María Sandra Blanco.
Así, os membros do xurado premiaron a decoración de Empanadería Cantón con 4 puntos máis que os que obtivo o segundo clasificado, Multiprecios Ortigueira. Terceiro quedou Óptica María Mera (17 puntos), en cuarto lugar Farmacia Leal (11) e en quinta posición, Óptica Callao (5).
Deste xeito, Empanadería Cantón obtivo non só o recoñecemento de proclamarse vencedor do certame, senón tamén un premio en metálico de 250 euros. Pola súa banda, Multiprecios Ortigueira levou 150 euros en concepto de segundo premio.
O Concurso de escaparatismo de Nadal é unha iniciativa desenvolvida polo Concello de Ortigueira que busca fomentar o ambiente do Nadal no municipio implicando aos establecementos locais para, ao mesmo tempo, axudar a que potencien as súas vendas grazas á súa imaxe.