Friday 22 de November de 2024

O comercio de Santiago amosa a súa cara máis solidaria co proxecto “12 comercios, 12 sensibilidades”


Unha ducia de comerciantes de Santiago veñen de xuntarse nun novidoso proxecto que ten como obxectivo darlle visibilidade a outras tantas entidades solidarias. Baixo o nome “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, a iniciativa permitirá tamén favorecer o fluxo de clientela entre pequenos establecementos de diferentes puntos da cidade e dedicados a distintos sectores. O programa conta coa colaboración da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude

A concelleira María Rozas presentou hoxe “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, nunha rolda de prensa na que participou a coordinadora do proxecto, Carmen Díaz. A tenenta de alcaldesa mostrou a súa satisfacción por poder colaborar cunha iniciativa “que nos fai sentir orgullo polo noso tecido comercial, que nos ratifica en que os pequenos establecementos son os que contribúen a facer cidade, e que demostra a súa vocación social e innovadora”. Ademais, Rozas incidiu en que o proxecto “xunta dous dos ámbitos de traballo da miña concellaría: o comercio e os dereitos sociais e a cooperación, e facilita dar a coñecer o traballo de entidades sociais entre un público diferente ao que lles pode ser máis habitual”.

Pola súa banda, Carmen Díaz puxo en valor a colaboración entre as doce comerciantes, todas mulleres, que xurdiu a partir dun curso de formación no que participaron todas elas. Tal e como explicou, cada comerciante elixiu a entidade solidaria coa que se sentía máis identificada “para difundir o seu traballo e establecer vías de cooperación”. A coordinadora de “12 Comercios, 12 Sensibilidades” aproveitou para poñer en valor “o carácter emprendedor e innovador do comercio de Santiago, e en concreto destes establecementos que sempre se implican en iniciativas sociais e culturais, non só como maneira de promocionarse senón desde o seu convencemento de que deben ser parte activa da comunidade”.

A través de “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, doce establecementos de Santiago darán a coñecer outras tantas entidades sociais e solidarias ao longo de todo o ano. Cada mes, a iniciativa será protagonizada por un comercio, que difundirá o labor dunha entidade concreta a través de actividades como exposicións, charflas ou obradoiros. Os once comercios restantes informarán da causa, para darlle máis visibilidade e favorecer o fluxo de clientela.

O programa comeza neste mes de xaneiro. Será coa tenda online de artesanía e antigüidades Águila Atlántica, www.1aguilaatlantica.com, que dará a coñecer o traballo da Fundación Pictoaplicaciones, un proxecto solidario do Grupo Promedia orientado a persoas con Trastorno do Espectro Autista ou con outro tipo de trastornos na comunicación e linguaxe oral.

“12 Comercios, 12 Sensibilidades” chegará en febreiro á xoiaría José Antonio, que colabora con Solidaridad Internacional de Galicia; en marzo será o turno de Naf Naf Santiago, que difundirá a actividade do programa Vagalume de axuda ás mulleres en situación de prostitución; e en abril o Centro Deportivo Atmósfera porá en valor o traballo da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple. En maio, Papelería Xaquín colaborará con AGADEA, a Asociación galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzheimer; xuño será o turno da colaboración entre La Tienda de María e a Asociación Galega de Familias de Acollida, Acougo; en xullo o Mercado Galego da Creatividade difundirá o traballo de Avante, a Asociación de Persoas con Discapacidade de Val do Dubra; e en agosto a tenda de cosmética natural Maravalla dará a coñecer o traballo do Refuxio de Bando.

Xa en setembro, o programa “12 Comercios, 12 Sensibilidades” chegará a Cousas do Campo, que colabora con Daqui darrederee, unha entidade cooperativa de Brión; outubro será o mes da xoguetería Escondi-T, a favor da Obra Social de Pediatría; en novembro, María Brey Diseño e Interiorismo traballará en prol da Cociña Económica; e o programa pecharáse en decembro coa tenda Quenlla SCQ, en favor de Las Olvidadas, un proxecto para achegar a literatura a mulleres presas en diferentes cárceres.

Os comercios participantes informarán das actividades de cada unha das entidades solidarias a través de diferentes iniciativas como poden ser charlas, distribución de material, ou exposicións. Tamén poderá haber recadación de fondos para as asociacións, a través da venda de produtos vinculados con elas. Como atractivo engadido, poderá haber diferentes vantaxes para a clientela dos establecementos como descontos, agasallos ou sorteos.