Friday 22 de November de 2024

Ordes, un ano máis parada obrigatoria no itinerario de Melchor, Gaspar e Baltasar


4.000 persoas desfrutaron dunha cabalgata marcada pola vistosidade das carrozas, a maxia e a ilusión de todo o pobo

Melchor, Gaspar e Baltasar volveron a facer de Ordes parada habitual dentro do seu itinerario. Como cada 5 de xaneiro os Reis Magos de Oriente percorreron as rúas de Ordes, repartindo ilusión entre os adultos e os nenos que non pararon de vitorealos e saudalos durante todo o seu traxecto.
O Campo da Feira, a rúa Canteira, Alfonso Senra, Lagartos e o barrio do Paraíso foi o itinerario polo que desfilaron as impresionantes carrozas inspiradas en contos infantís como o de ‘Hansel e Gretel’, ou os trens de fantasía dende os que anxos e pastorciños non se deixaron de repartir caramelos aptos para todos os padales.
O pavillón Castelao I foi o espazo escollido para celebrar a gran recepción. Por el pasaron arredor de 4.000 persoas según fontes policiais, facendo desta unha das cabalgatas máis concorridas de todas as que se lembran. Todos os pequenos e pequenas do lugar foron recibidos polas súa maxestades, tendo así a oportunidade de lembrarlles os agasallos solicitados para este ano. Alí o alcalde de Ordes e todos os membros do seu equipo de Goberno fixeron entrega das chaves da cidade. Globoflexia, photocalls temáticos, animacións, música, así como unha bola de Nadal xigante foron algunhas das sorpresas preparadas para todos os asistentes. Ademais tamén se habilitou unha zona para repartir chocolate quente con rosca.
Por parte do Concello de Ordes quérese agradecer publicamente a colaboración da Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Ordes, Asociación Cultural Camiño Real de Poulo, Protección Civil, así como a de decenas de voluntarios e voluntarias que co seu esforzo contribuiron nesta celebración.