Friday 22 de November de 2024

O programa “Actívate” chega a Entrecruces en colaboración coa Asociación de Veciños San Xens


O programa Actívate, que tan boa acollida tivo o ano pasado, segue viaxando dun extremo a outro do noso extenso concello, e chega agora a Entrecruces en colaboración coa Asociación de Veciños San Xens.

As actividades arrincarán luns 15 coa inauguración da exposición de creadores e creadoras locais contra a violencia de xénero. As obras de Adriana Suárez Cotelo, Emi de las Heras, Antonio Reino, Mon Lendoiro, Alberto Gende, Alberto Varela Ferreiro e Ana García poderán verse ata fin de mes no centro social.

O mércores 17 chegará a Entrecruces o ciclo de concertos CMUS en Ruta, que ao longo de todo o curso permitirá á veciñanza coñecer os talentos que estamos a formar no Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo. Neste caso poderemos escoitar aos grupos de cámara do CMUS. A actuación comezará ás 19.00 horas e a entrada é libre.

Entrecruces tamén é este ano unha das sedes dos cursos de poda que vimos organizando nesta época do ano desde a Concellaría de Medio Ambiente. As prazas xa están completas desde hai días. As persoas seleccionadas, por orde de inscrición, recibirán nos vindeiros días a confirmación e a situación da finca. O horario será de 10.00 a 13.00 horas, aproximadamente.

O programa Actívate continuará o mércores 24 ás 19.00 horas cun obradoiro de Protección Civil sobre primeiros auxilios no fogar, unha actividade moi recomendable para toda a familia, xa que se ofrecerán todo tipo de consellos e explicaranse algunhas técnicas básicas para poder actuar no caso de que se produza un accidente doméstico.

A última actividade, o mércores 31 ás 19.00 horas, consistirá nunha charla sobre a avespa velutina, a cargo de persoal do servizo municipal de control de pragas. O obxectivo é impartir un taller teórico-práctico para coñecer mellor esa especie invasora, saber como combatela ou como actuar no caso duna picadura, ou aprender, por exemplo, a elaborar trampas caseiras.

Todas as actividades son de balde e están abertas á participación da veciñanza de todo o concello.