Saturday 16 de November de 2024

San Sadurniño sorteou os lotes de produto da campaña “Polo Nadal, consumo local”


Na rifa entraron 15.000 papeletas distribuídas por máis dunha trintena de negocios desde comezos de decembro

Os dez premios, consistentes en cestas de produto da comarca e do resto de Galicia, entregaranse o venres

A sala de xuntanzas do Concello acolleu a primeira hora desta mañá o sorteo dos lotes de produto da campaña de promoción do comercio e os servizos de San Sadurniño “Polo Nadal, consumo local”. Unha iniciativa que volveu ser todo un éxito de participación, con máis dunha trintena de establecementos implicados que, en conxunto, repartiron uns 150 talonarios de papeletas entre a súa clientela durante as últimas semanas. Os premios comunicaránselle ás persoas agraciadas ao longo do día de hoxe e entregaranse o venres a partir das 14:30h.

O edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela, destacou o bo funcionamento da campaña tanto polo número de negocios participantes como pola grande cantidade de rifas distribuídas. “Aos establecementos entregámoslles 20.000 papeletas e volvéronnos cubertas cerca de 15.000. Foron case 150 talonarios, 80 correspondentes a compras de ata 10 euros e os outros 70 de compras superiores”.

Os datos, segundo Varela, reflicten que “sen dúbida” houbo moito movemento comercial en San Sadurniño durante estas festas. “A campaña de dinamización axudou, aínda que é imposible saber en que medida, e en calquera caso sérvenos de referencia para poder asegurar que a veciñanza aposta polos negocios e servizos locais”, comenta o concelleiro.

Esta mañá ás 9:00h, tal e como estaba previsto, extraéronse das urnas as seis papeletas premiadas con cadanseu lote de produto de proximidade valorado en 50€, ademais das outras catro rifas nominativas que levarán lotes cun valor unitario de 100€, “todo produto galego da máxima calidade, a maior parte del da comarca, incluídos alimentos producidos en San Sadurniño e no centro A Fusquenlla”, explica Varela.

Ao longo desta mañá o Concello foi contactando coas persoas agraciadas -nas papeletas había que deixar un nome e un teléfono-, citándoas para o acto de entrega dos agasallos que terá lugar este venres ás 14:30h na Casa do Concello. “Desta maneira tan saborosa, e tan axeitada para a costa de xaneiro das persoas premiadas, daremos por finalizadas as festas do Nadal, preparándonos xa para un Entroido que este ano cae moi baixo e que xa estamos organizando”, conclúe o responsable de Desenvolvemento local.